Foi en Pontevedra, estudando Belas Artes con apenas 18 anos, cando Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) namorou dos cómics. O que non pensou é que a súa destreza co debuxo íalle a converter, dúas décadas despois, nun dos directores de animación máis aclamados do país.
Con tres Premios Goya ás súas costas -dous deles polas películas Psiconautas, los niños olvidados e Unicorn Wars-, acaba de estrear Decorado, unha distopía animada que funciona como unha fábula cruel sobre a sociedade contemporánea, coa que opta ao Feroz á mellor película de comedia.
Presentouna en Pontevedra, onde mantivo un coloquio co público. "Teño a sorte de poder facer o que sempre quixen facer", afirma Vázquez, que considera que series animadas como Los Simpson foron "a miña maior influencia na vida".
Dez anos despois volves a Decorado, esta vez en formato longametraxe. En que momento tiveches claro que querías ampliar este universo?
Cando acabei a curta non pensaba en facer unha longa. Pero anos despois coñecín ao coguionista desta película, Xavier Manuel Ruiz, e xuntos empezamos a falar de facer unha serie de animación co mundo de Decorado. E entón, empezamos a escribir capítulos.
Pero a serie non foi para adiante e como desenvolveramos moitas tramas e moitos personaxes novos quixemos condensarlas nunha longametraxe. Entre a historia que partiu dun cómic e esta película, isto foi un proceso de trece anos.
A película, a diferenza da curta, quixeches que fora en cor. Por que ese cambio?
Dubidamos moito, pero unha longametraxe de 90 minutos en branco e negro parecíame que podía ser un pouco árido. E, ademais, perdiamos as posibilidades narrativas e expresivas que ten a cor. Na película, as cores van moito coas emocións dos personaxes. Contan cousas e narran.
Ter tantos personaxes complica a produción dunha película así?
Non había outra. Decorado é unha película coral. Hai un par de protagonistas que son Arnold e María, unha parella de ratos que son unha especie de Mickey Mouse e Minnie Mouse de mediana idade, pero necesitaba moitos personaxes porque, ao final, o que quería era falar de toda unha sociedade.
Cres que a historia fala máis dunha crise individual ou dunha condición colectiva?
Creo que ambas. A crise da sociedade que hai no mundo de Decorado, do mesmo xeito que na real, repercute aos individuos. Contamina a todos os personaxes. Hai crise económica, de parella... até médica. Esta película é un espello de moitas cousas que estamos a vivir agora mesmo.
Que querías provocar no espectador?
Eu creo que todos fomos, nalgún momento, como Arnold. Sentimos que hai moitas relacións superficiais, pregúntaste cal é o sentido da túa vida ou por que traballas, cuéstionaste como vivimos... Hai xente que di que riu. Outros que a película lles deprime.
Como calquera artista, eu o que quero é que o espectador sinta algo cando vexa a película. Que leven algo ou quede un sinal que lles lembre unha escena ou un diálogo ou, simplemente, que lle fixo graza. A min con iso chégame.

Interésache deixar preguntas abertas ou prefires que o público chegue a conclusións concretas?
Ten que haber un pouco de todo. Entre explicar moito as cousas e deixar moitos cabos soltos, hai un punto intermedio. Eu tento non dar todo mascado e deixar cousas para a interpretación persoal. Pero hai certo punto crave na historia que si que me gusta que estean ben amarrados.
E os candidaturas aos Premios Feroz e aos Goya por Decorado, que significan para ti?
A dos Goya máis ou menos esperábaa. Non se produce moita animación en España e a nosa é unha película cunha boa factura e que vai saír en cines en moitos países do mundo. Sorpréndeme máis dos Feroz, sobre todo pola categoría que está, película de comedia.
A xente dime que é unha película moi triste e moi desesperanzadora. Eu non a vexo tan triste nin tan desesperada, pero moita xente si que mo comentou. Quizá, visto así, sexa un bo criterio que a puxeran en película de comedia. A min paréceme unha comedia negra.
Nunca tiveches a tentación de contar algunha das túas historias con actores reais?
Sabes que pasa? Que son debuxante. Veño do mundo do cómic. A miña linguaxe é o debuxo. A min encántame o cine de imaxe real, pero para min sería como enfrontarme a unha cousa para a que non estou preparado. Ou sexa, por poder facer pódese facer. Pero non sinto esa necesidade. Teño a sorte de poder facer o que sempre quixen facer. Son bastante libre coa animación.
Por que a animación para adultos segue sendo un terreo pouco explorado en España?
Eu si que creo que a xente consome animación para adultos. Aí están Los Simpson. Para min, foron a miña maior influencia na vida. Ou Padre de familia. Si é certo que a xente as ve porque están na tele. Se non fose así, quizá sería algo máis marxinal.
O mesmo para co que eu fago. Estou convencido que as miñas películas, como foi Unicorn Wars, que foi unha película moi viroal, en canto se ven á xente interésalle. Pero se non saben que existe non é que haxa un desprezo, hai simplemente un descoñecemento.
Creciches, seguramente por idade, como un neno Disney. Pero nas túas películas hai moi pouco desa influencia. Por que?
Eu non teño nada en contra das películas de Disney. A min, algunhas me influenciaron moito. Bambi, por exemplo. Ou Dumbo. Velas hoxe en día e séguense sostendo. A animación clásica en 2D envellece ben. A que se fai en 3D, xa non tanto. Ás veces cáense os ollos.
Si é certo que en Decorado xogamos un pouco con esa estética Disney clásica, sobre todo nalgúns deseños e personaxes. Pero é unha maneira de enganar. Hai un contraste entre forma e contido. Utilizo esa estética para disfrazar un pouco o que se vai a atopar o espectador.
A xente pensa que vai ver unha película adulta e cun humor gamberro e logo ven que é unha película triste, que che deixa un mal corpo nalgunhas cousas porque fala da nosa sociedade, de cousas que ocorren, de problemáticas actuais, que é o que sempre fago nas miñas películas.

E como chega un mozo da Coruña, que estudou Belas Artes en Pontevedra, ao cine de animación?
Foi unha serie de casualidades. En Pontevedra descubrín o mundo do cómic. Que podía debuxar e contar historias. Namorei do cómic e empecei a autopublicar cousas. Un día, a un produtor, Pedro Rivero, chegoulle o cómic de Psiconautas. Gustoulle moito e aí empezou todo.
Como director, que diferenzas aprecias entre a curtametraxe e a longametraxe?
A curtametraxe é máis libre a nivel técnico. Podes facer o que queiras. Pero tamén é verdade que só se move por festivais. As longametraxes son máis complexas. Se todo sae ben, son cinco ou seis anos de traballo e hai moita máis xente polo medio. Pero chegas a máis xente.
Está a animación española nun bo momento?
Desde que eu empecei até agora, mellorou bastante. Prodúcese tres veces máis. Antes producíanse tres longametraxes, agora prodúcense dez. Antes facíanse dez curtas, agora cincuenta. Agora hai escolas tamén. Aínda que vai haber un cambio brutal coa IA. En todos os sentidos. As películas vanse a facer de maneiras moi diferentes a como se fixeron até agora.
Preocúpache a IA? Cres que debería estar máis regulada?
Preocúpame bastante, inquiétame. Collen todo o fixeches, replícano e adeus moi boas. Ti xa non existes. E pensa que só estamos na punta do iceberg. Dentro de cinco anos, unha gran parte das películas vanse a facer con IA. Vaino a cambiar todo.
Vai cambiar toda a sociedade. Pero non só na arte ou na animación, na vida en xeral. Preocúpanme os postos de traballo que se van a perder. De aquí a cinco anos, din os expertos non o digo eu, vaise a perder un de cada tres postos de traballo.
En que proxectos estás a traballar agora e que camiños gustaríache explorar no futuro?
Decorado estreouse en outubro aínda. Agora mesmo, o que necesito é descansar. Parar un tempo longo. Levo moitos anos traballando moi intensamente. E pensar un pouco que é o que quero facer. Se quero facer máis animación, se quero debuxar ou se non quero facer nada. Igual non volvo a ningunha outra película e non pasaría nada porque teño outras cousas que me gustan.