Ilusión polas invitacións para a gala dos Feroz: "Eu belíscome porque isto non pode ser real"

Pontevedra
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 16 de xaneiro

Dúas horas antes, xa había pontevedresas facendo cola ante o Teatro Principal para lograr unha das 10 entradas dobres sorteadas ante notario. O non premiados, con deportividade: "foi o xusto"

Persoas premiadas no sorteo de invitacións para a gala dos Premios Feroz
Persoas premiadas no sorteo de invitacións para a gala dos Premios Feroz / Cristina Saiz

Elena Gómez asistiu nos últimos meses a practicamente todas as actividades da programación previa dos Premios Feroz e o vindeiro sábado 24 de xaneiro poderá tamén asistir á gala de entrega no recinto feiral.

Esta pontevedresa resultou este xoves unha do dez gañadores do sorteo ante notario organizado polo Concello para repartir 10 invitacións dobres para que 20 veciñas e veciños de Pontevedra poidan asistir á gala, como parte da súa filosofía de facer partícipe dos premios á cidadanía.

Tras gañar a invitación, mostrou a súa alegría e tamén a súa sorpresa, pois acudiu cunha amiga e as dúas lograron unha das papeletas premiadas. "Estou atónita porque nunca na vida me tocou nada e, de súpeto, tócame isto", recoñeceu, emocionada.

Á súa amiga tocoulle o número 79 e a ela, o 96. Cando os escoitaron, saltaron de emoción. "Eu belíscome porque isto non pode ser real", dixo tras escoitar os números. O resto de premiados foron o 128, o 120, o 224, o 46, o 58, o 99 e o 169.

Aínda sen decidir si irá cunha amiga ou cun dos seus fillos, Elena recoñeceu que "aínda non o podo crer". Resulta un premio á súa fidelidade á programación, pero ela xa ve un agasallo poder ir. "Veño porque me gusta".

De feito, é tan fiel á programación que recoñece certa sensación de baleiro pensando en que os dous anos cos Feroz en Pontevedra están a piques de terminar. "A ver para o ano que vén como o imos solucionar cando nos falten os Feroz", chancea.

A súa amiga, sentada ao seu lado no sorteo, é Lucía Villalba, que xa se emocionou nada máis entrar no Principal e recibir o 79. "Déronmo e encantoume. Teño sete netos e digo eu: Wow, 79, pode ser que teñas sorte". E foi o primeiro número en saír. "Non daba crédito", confesa.

Está a pensar xa no traxe que se porá o sábado 24. Aproveitará un abrigo bordado de seda que comprou nunha viaxe en Usbequistán.

O sorteo xerou gran expectación en Pontevedra. Ás tres da tarde xa había persoas facendo cola e, cando ás catro abriron as portas do Teatro Principal, entraron xa 200 persoas.

Durante a hora seguinte sumaron un total de 247 participantes das 431 prazas dispoñibles, o número de butacas do recinto, e viviron mesmo momentos de nervios con persoas que acudiron a última hora a buscar o seu DNI para poder participar ou a curiosidade dunha muller que quería que participase a súa filla de menos de dous anos e sen DNI.

A concelleira responsable da área de promoción da cidade, Anabel Gulías, recoñeceu a "marabilla" que lle supuxo "ver as colas que había antes de abrir as portas" e a tanta xente "moi ilusionada por poder vivir un anaquiño da gala dous Feroz".

Ela mesma seguiu o sorteo "nerviosa" coma se ela mesma participase e repetiu o agradecemento á cidadanía pontevedresa pola súa implicación na programación. "Todo o éxito dos Feroz", recoñeceu, débese á "actitude das pontevedresas e pontevedreses".

Esa implicación fíxose notar no ambiente este mércores no Principal, onde mesmo as persoas que non gañaron o sorteo aplaudiron e marcharon contentas. Entre comentarios como "non houbo sorte" ou "non puido ser", escoitáronse outros de deportividade. "Non me tocou, pero foi o xusto", indicaron á prensa á saída do recinto.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presenciou o sorteo e destacou que o Concello buscou con este sorteo dar as grazas a toda a poboación "por participar tan activamente nos Feroz", pois os premios "están sendo un éxito absoluto pola vosa colaboración".

Tamén chanceou coa petición das persoas asistentes ao sorteo de que agora é a quenda dos Premios Goya. "Os Goya, non sabemos. Nesta cidade non desbotamos nada", chanceou.

As dez invitacións foron para nove mulleres e un home. Ese único gañador, Víctor Fernández, acudiu porque lle insistiu unha amiga de Vigo, que agora está "contentísima". El xa pensa no traxe que levará. "A ver si o da voda me vale", chanceou.

A ilusión está servida. E os nervios durarán até o sábado. Ángela Peleteiro, outra das gañadoras, considérao "unha oportunidade" para poder coñecer a actores, directores e todo tipo de profesionais do audiovisual. "Gústame o cine, así que seguro que o paso ben e aprovéitoo bastante", recoñeceu esperanzada, e aínda sorprendida, pois "non o esperaba".

 

Arquivado en