Unha gala "aberta á veciñanza". É o que pretende impulsar o goberno municipal de Pontevedra coa cerimonia de entrega dos Feroz 2026, que se celebrará o próximo 24 de xaneiro.
Co obxectivo de tentar devolverlle á cidadanía "todo o que nos están dando", apoiando todas as actividades previas, o Concello sorteará dez entradas dobres para asistir á gala, ocupando o espazo equivalente a unha mesa xunto a candidatos, convidados e autoridades.
Así o anunciou este luns a edil responsable da área de promoción da cidade, Anabel Gulías, que sostivo que o executivo pontevedrés optou por reducir o peso institucional para "maximizar" a participación pública dos cidadáns.
Gulías recoñece que a asistencia destas vinte persoas "é insuficiente" para todos os interesados, pero considera que "é un guiño" para que a cidade estea presente na cerimonia.
O sorteo destas dez entradas, que serán nominais, será este xoves 15 de xaneiro no Teatro Principal. Haberá un notario para certificar o resultado.
Os números para o sorteo, un por persoa, entregaranse desde as catro da tarde e o resultado coñecerase unha hora despois, ás cinco. Os gañadores terán que estar presentes no momento da repartición ou a entrada volverá sortearse.
Ademais deste sorteo, o Concello volverá habilitar o auditorio principal do Pazo da Cultura para que unhas 900 persoas poidan seguir alí a retransmisión da gala.
Até ese recinto achegaranse, do mesmo xeito que o ano pasado, un nutrido número de actores, actrices ou directores para saudar ao público e participar dese ambiente festivo.
As invitacións para asistir a esta retransmisión poderán retirarse a partir deste sábado, 17 de xaneiro, na oficina de turismo de Montero Ríos. Haberá un máximo de dúas entradas por persoa.
CAMBIOS NA ALFOMBRA VERMELLA
A todos estes preparativos, súmase tamén un cambio na carpa situada na entrada á alfombra vermella, que se colocará de maneira perpendicular para que máis persoas poidan acudir a saudar e fotografarse cos protagonistas da gala.
A montaxe do escenario para a cerimonia comezou xa este luns co "secretismo habitual", explicou Anabel Gulías, xa que o seu aspecto non se revelará até o día da gala.
Para esa cerimonia, o Concello dispón de 165 convites, que serán repartidos de novo entre o tecido social e audiovisual da cidade "prescindindo da parte máis institucional"
"Queremos convidar a todo o mundo a que veña a celebrar a festa dos Feroz, que veña a pasalo ben", sentenciou a concelleira que coordina todo este operativo.