Alejandro Viana, o "Schindler galego", protagonista dunha cita cultural en Caldas

Umia
07 de febreiro 2025

O escritor Roberto Mera Covas presentará no Auditorio Municipal de Caldas este sábado 8, ás 20.00 horas a historia dun home que realizou esforzos no rescate de refuxiados republicanos nos anos da ditadura franquista

Alejandro Viana
Alejandro Viana

Este sábado 8, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal de Caldas de Reis será o escenario da presentación do libro sobre Alejandro Viana, coñecido como o «Schindler galego», quen se destacou no rescate de refuxiados republicanos.

Na cita, o autor Roberto Mera Covas ofrecerá un relato directo da vida e dos feitos do seu tío bisavó, protagonista dunha das épocas máis dramáticas do século XX.

Mera contará como Viana asumiu a xefatura do Servizo de Emigración dentro do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), creado polo goberno republicano de Juan Negrín en París o 1 de abril de 1939.

Segundo explicará, Viana xogou un papel fundamental na obtención de visados, pasaportes e permisos de saída, permitindo que numerosos refuxiados abandonasen os campos de concentración e embarcasen cara a destinos seguros.

As expedicións colectivas que dirigiu, como as de Sinaia, Ipanema e México, son un reflexo do seu compromiso humanitario.

Ademais, o libro destaca o rol de Viana como delegado oficial das Sociedades Hispanas Confederadas (SHC) de Nova York, organización creada en 1937 para recadar fondos destinados á evacuación de refuxiados dende Francia cara a Norteamérica.

Durante a caída de París, Viana tivo que se ocultar para evitar a persecución pola ameaza nazi e os servizos franquistas, situación que culminou coa súa saída de Francia en 1941 con destino a Brasil e, finalmente, a México.

O tenente de alcalde Manuel Fariña tamén estará presente na presentación, onde o Concello de Caldas pretende poñer en valor unha figura pouco coñecida, vítima do «sepulcral silencio e esquecemento» que se pautou tras a Guerra Civil.

A obra gañou o XXXVII Premio Antón Lousada Diéguez de investigación e ensaio.