O estudo de PontevedraViva Radio segue acollendo as visitas de estudantes de Primaria e Secundaria que se suman á proposta aberta por PontevedraViva para fomentar a lectura entre a poboación infantil e xuvenil.
Unha das actividades desenvolvidas durante o mes de marzo tivo como convidados a alumnado de terceiro curso de Primaria do CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade).
Para comezar tiveron ocasión de coñecer a redacción deste xornal dixital, e como se desenvolve o traballo xornalístico neste ámbito.
Seguidamente, xa no estudo, continuaron coa radio dixital e a gravación dun podcast.
Para iso convertéronse nos protagonistas dun dos programas de 'A familia Xachoconto' que achega libros e autores á poboación escolar co obxectivo final de iniciar e incentivar o seu apego lector.
Nesta ocasión o título escollido foi 'Os fíos de Begoña' (Xerais), unha publicación ilustrada cuxa autoría corresponde a Eva Mejuto e Nuria Díaz.
A través deste libro coñeceron a biografía de Begoña Caamaño, a quen este ano se dedica o Día das Letras Galegas.
Para reforzar estes coñecementos sobre a xornalista e escritora viguesa participaron nun concurso de preguntas e respostas.