PortAmérica amplía o cartel da que será a súa décimo cuarta edición, prevista para os días 9, 10 e 11 de xullo na Azucreira de Portas.
Ao festival súmanse tres grandes nomes da música, Amaia, Eliades Ochoa e Xoel López, segundo confirmaron este xoves os seus organizadores.
Non son os únicos que se incorporan ao cartel, xa que tamén soarán en Portas as propostas emerxentes de Noelia Franco, Amoebo e Candela Liste.
Amaia, unha das voces máis singulares e queridas do pop contemporáneo, chegará cunha xira na que transita sen barreiras entre a delicadeza e a intensidade, cunha presenza escénica que converte cada espectáculo nunha viaxe emocional.
Xoel López, pola súa banda, poderá presentar en directo os temas do seu novo álbum, cuxo lanzamento está previsto para esta primavera e que consolida un capítulo máis de liberdade artística, son xenuíno e constante evolución creativa.
Ambos actuarán en PortAmérica o sábado 11 de xullo, compartindo escenario con Dani Martín, Sanguijuelas del Guadiana, Instituto Mexicano del Sonido, Orkesta Mendoza, Meridian Brothers, Nortec: Bostich+Fussible e Noelia Franco.
Desde Cuba, Eliades Ochoa, recoñecido internacionalmente polo seu virtuosismo como guitarrista e cantante de son cubano, achegará ao festival unha das voces máis emblemáticas da música tradicional latinoamericana.
O público poderá gozar da súa autenticidade e do sabor da música cubana tradicional o venres 10 de xullo, xunto con Hombres G, M-Clan, Sexy Zebras, Grande Amore, Repion, Eladio y Los Seres Queridos, Alejo e Candela Liste.
O cartel para o xoves 9, aínda sen pechar á espera das últimas confirmacións, reunirá a Rigoberta Bandini, Niña Polaca, The Rapants, Key Kid, Marina Reche e Amoebo.
Con estes anuncios, PortAmérica 2026 continúa perfilando unha programación que atravesa xeracións, estilos e xeografías, reforzando a súa identidade como un festival de encontro cultural e musical.
Na súa vertente gastronómica, PortAmérica volverá situar a cociña como un dos eixos fundamentais da súa proposta de lecer a través do ShowRocking, comisariado un ano máis por Pepe Solla (Casa Solla, Poio).
Na primeira selección de chefs están Paco Roncero (Paco Roncero, Madrid), Maca de Castro (Maca de Castro, Alcúdia), Iria Espinosa e Luís Veira (Árbore da Vieira, A Coruña), Camila Ferraro (Sobretablas, Sevilla) e Lucía Grávalos (Desborre, Madrid).