Dani Martín, reforzo de luxo para un PortAmérica que confirma os seus primeiros chefs

Umia
12 de decembro 2025

Os primeiros chefs confirmados para o ShowRocking 2026 son Pepe Solla (comisario), Paco Roncero, Maca de Castro, Iria Espinosa e Luís Veira, Camila Ferraro e Lucía Grávaos

Dani Martín
Dani Martín / Sony Music - Alberto-Van-Stokkum

Dani Martín, un dos artistas máis carismáticos e populares da música española, non se perderá este ano o festival PortAmérica.

O artista madrileño será un dos cabezas de cartel do festival, que celebrará a súa edición de 2026 os días 9, 10 e 11 de xullo, na Azucreira de Portas.

Farao coa súa Xira Aniversario 25 P*t*s Anos, coa que está a repasar as súas máis de dúas décadas de carreira musical.

A súa capacidade para conectar co público, sumar hits interxeneracionais e encher recintos de maneira histórica converteuno nunha figura imprescindible do panorama musical nacional.

Conseguiuno primeiro á fronte de El Canto del Loco e máis tarde na súa carreira en solitario.

Este anuncio súmase á recente incorporación de Hombres G, iconas do pop-rock español con máis de 40 anos de carreira e un directo convertido en festa colectiva, Rigoberta Bandini, M-Clan, Sanguijuelas del Guadiana, Sexy Zebras ou Marina Reche.

Niña Polaca, Nortec: Bostich + Fussible, Grande Amore, Eladio y Los Seres Queridos, The Rapants, Hey Kid e Alejo completan, até o momento, o cartel de PortAmérica 2026.

PRIMEIROS CHEFS PARA O SHOWROCKING

No seu outra gran vertente, a gastronómica, PortAmérica volverá tamén a reunir unha auténtica constelación culinaria, que volverá estar comisariada por Pepe Solla (Casa Solla, Poio).

En 2026 contará coa participación de Paco Roncero (Paco Roncero, Madrid), Maca de Castro (Maca de Castro, Alcúdia), Iria Espinosa & Luís Veira (Árbore da Vieira, A Coruña), Camila Ferraro (Sobretablas, Sevilla) e Lucía Grávaos (Desborre, Madrid).

Todos eles formarán parte dunha selección de máis de 30 chefs, que reúnen traxectorias consolidadas e novas miradas culinarias que volverán situar a gastronomía como un dos alicerces esenciais do festival.