Rigoberta Bandini e Sanguijuelas del Guadiana, novas 'fichaxes' para o PortAmérica 2026

Umia
20 de novembro 2025

A organización amplía así a oferta musical dun PortAmérica que combinará enerxía local, vangarda creativa e nomes de referencia da escena iberoamericana e internacional

Rigoberta Bandini e Sanguijuelas del Guadiana
Rigoberta Bandini e Sanguijuelas del Guadiana / PortAmérica

Apenas tres días despois de abrir boca con Grande Amore, Eladio y los seres queridos e The Rapants, o festival PortAmérica anunciou tres novos nomes para a súa edición de 2026, que se celebrará na Azucreira de Portas os días 9, 10 e 11 de xullo.

Rigoberta Bandini, Sanguijuelas del Guadiana e os mexicanos Nortec: Bostich + Fussible, estes con banda ao completo, incorpóranse ao cartel do festival.

A organización amplía así a oferta musical dun PortAmérica que combinará enerxía local, vangarda creativa e nomes de referencia da escena iberoamericana e internacional.

Con estes novos nomes o cartel empeza a debuxar un percorrido musical que mira cara a dentro e cara a fóra ao mesmo tempo, fiel ao ADN do festival.

Rigoberta Bandini, toda unha artista multidisciplinar e voz xeneracional, revolucionou o pop español con himnos como Ay MamáPerra, Cadela ou In Spain We Call It Soidade.

O seu debut La emperatriz consolidouna como referente creativo e o seu último traballo, Jesucrista Superstar, que presentará en directo en Portas, marca unha nova etapa nunha carreira marcada pola liberdade e a independencia absoluta.

Pola súa banda, Sanguijuelas del Guadiana exhibirá un son que mestura folclore do sur, rock cru e irreverencia escénica. Estarán en PortAmérica co seu primeiro disco, Revolá.

A banda estremeña, o último fenómeno do panorama 'indie' nacional, converten cada concerto nunha festa salvaxe e colectiva. O seu directo é pura catarse: desbordante e combativo.

E Nortec: Bostich + Fussible, pioneiros dun estilo que fusiona electrónica e música norteña, son músicos xurdidos na escena de Tijuana (México).

Nortec: Bostich + Fussible
Nortec: Bostich + FussiblePortAmérica

Marcaron a xeracións de produtores. En formato banda, a súa proposta mestura beats irresistibles con instrumentos tradicionais para un directo expansivo e único.

Os abonos xa están dispoñibles en portamerica.es e o ritmo de vendas é moi positivo. Non en balde na tradicional fase de venda anticipada despacháronse 10.000 abonos, reflectindo a gran fidelidade que xera o festival entre o seu público