Amal en Ruta trae a Pontevedra un documental con perspectiva feminina sobre a guerra de Siria

Pontevedra
07 de setembro 2021

O Teatro Principal de Pontevedra proxectará este mércores 8 de setembro o documental For Sama, un filme desgarrador, narrado a modo de diario pola súa directora Waad al-Kateab, no que conta como foi nai nun hospital de Alepo no medio da guerra

Rodaxe en Siria do documental "For Sama"
Rodaxe en Siria do documental "For Sama" / Fundación Araguaney-Puente de Culturas

O Teatro Principal de Pontevedra proxectará este mércores 8 de setembro o documental For Sama, un filme desgarrador, narrado a modo de diario pola súa directora Waad al-Kateab, no que conta como foi nai nun hospital de Alepo no medio da guerra.

Será ás 21:00 horas dentro do ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta. A entrada é libre ata completar o aforo autorizado no recinto.

For Sama é unha carta de amor dunha nai á súa filla. Narra a historia da vida da súa propia directora Waad al-Kteab durante os cinco anos que durou o levantamento de Alepo. O seu namoramento, a súa voda e o nacemento e crianza da súa filla Sama, en plena guerra de Siria. 

Waad é xornalista, cineasta e activista siria. A súa cobertura da guerra de Alepo gañou un premio Emmy internacional de actualidade e noticias. O seu documental, entre outros premios, recibiu o Prix L'Œil d'Or ao Mellor Documental no Festival de Cine de Cannes de 2019.