Amil, escenario de cinema para a rodaxe de 'Trote'

Umia
15 de xullo 2017

A primeira longametraxe de Xacio Baño roda durante a fin de semana na Rapa das Bestas de Amil, en Moraña. A película, rodada integramente en galego, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e o Agadic

Rodaxe do film 'Trote' en Amil Deputación de Pontevedra

A Rapa das Bestas de Amil chega ao celuloide coa rodaxe do filme 'Trote', primeira longametraxe de Xacio Baño.

O equipo de rodaxe da película, rodada integramente en galego, iniciou este sábado en Moraña o primeiro de dous intensos días de traballo levantando unha gran expectación.

Segundo explicou o propio director de 'Trote', o proxecto xorde de dúas ideas, unha visual da rapa e os animais e outra historia persoal "da metáfora da vida que é un curro, con animais pechados nun sitio no que se fan dano, marcas que doen e se golpean igual que os humanos na vida".

A historia de ficción vira ao redor de Carmen, unha moza que debe decidir entre "coidar, atender á familia e ser humana, ou trotar e ser animal".

En Amil atópanse máis dunha trintena de persoas, entre equipo técnico e artístico, que continuarán coa gravación de catro semanas en diferentes localizacións de Galicia.

Entre o elenco de actores atópanse María Vázquez (Carmen), Celso Bugallo (o pai), Diego Anido (irmán) e Tamara Canosa (amiga e parella do irmán).

'Trote' é un proxecto impulsado pola produtora Frida Fims e que conta co apoio do Agadic e tamén da Deputación de Pontevedra, que apostou por unha película que mostra "un patrimonio moi vivo, unha realidade moi nosa", sinalou o deputado Xosé Leal.

Para o representante provincial de Cultura "o cinema de autor feito en Galicia e en galego pode ter moita repercusión e as administración debemos estar aí para apoialo", sinalou na súa visita ao lugar de rodaxe.