Chega a quinta edición da Semana Lorquiana ao Museo de Pontevedra con diversas actividades relacionadas á figura do poeta granadino Federico García Lorca e á súa vinculación coa cidade de Pontevedra.
A programación desenvolverase entre o martes 14 e o sábado 18 de novembro. O día 14 xa se iniciarán as visitas con contacontos, unha proposta concertada cos centros escolares que se estenderá ata o día 17 con sesións orais para escolares. Polo Correo do Vento ofrecerá narracións para o público infantil facendo referencia á presenza da obra do autor de 'Poeta en Nueva York' nos fondos do Museo pontevedrés.
O público adulto contará cun concerto ilustrado o mércores 15, a partir das 19.00 horas, no Edificio Castelao. Baixo o título 'Federico García Lorca, poeta galego' ofrécese un espectáculo narrativo, musical e con ilustracións sobre o tempo que o escritor pasou en Galicia. Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e tamén Polo Correo do Vento participarán nesta montaxe.
O sábado 18 de novembro desenvolverase a andaina pola cidade destinada a público adulto. Comezará ás 12.00 horas no Edificio Castelao e para participar nesta actividade gratuíta é preciso inscribirse no correo electrónico: [email protected]
Lorca visitou Galicia en tres ocasións. Dúas destas estancias foron no ano 1932 e nas dúas ocasións pasou pola cidade de Pontevedra, nunha delas co grupo teatral La Barraca e, na outra, con responsables de revístaa Cristal exercendo de anfitrións.
O poeta referente da xeración do 27 creaba 'Seis poemas galegos' como consecuencia das súas viaxes e en Pontevedra escribía un soneto que se inicia co verso "Yo sé que mi perfil será tranquilo".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.