RADIO.- Polo Correo do Vento achéganos á "escritora co violino" que homenaxearán as Letras Galegas 2024

Pontevedra
10 de decembro 2023

'Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta' é o undécimo título da colección Mulleres Galegas que leva publicados Polo Correo do Vento. Charlamos con Enrique Mauricio en PontevedraViva Radio para achegarnos á coruñesa que pon nome ao Día das Letras Galegas 2024

Enrique Mauricio (xunto con Carlos Taboada) son Polo Correo do Vento
Enrique Mauricio (xunto con Carlos Taboada) son Polo Correo do Vento / Mónica Patxot

As Letras Galegas teñen en 2024 nome feminino e no 'Cara a cara' achegámonos á muller que se homenaxeará o próximo mes de maio, Luísa Villalta. Facémolo a través da última publicación, a undécima, da colección Mulleres Galegas que traen desde Polo Correo do Vento. Charlamos con Enrique Mauricio de 'Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta'.

Coruñesa de orixe, naceu en 1957 e falecía en 2004. Como autora escribiu poesía, teatro, ensaio, ficción, tradución e artigos en prensa e revistas especializadas. Unha das súas constantes é que "a música sempre aparece pola súa obra", e é que Villalta era titulada superior en Violín e defínena como "a escritora co violino".

O Consello da Cultura Galega sinala que "destaca pola forza da súa voz e o seu compromiso social". É este aspecto o que, lembra Enrique Mauricio, máis lles chamou a atención durante a parte investigadora do proxecto, "sabiamos que era unha muller comprometida e valente. Era ecoloxista, feminista, pronunciouse contra a especulación urbanística, estaba comprometida co pobo palestino...", engadindo que "morreu en 2004 pero o seu pensamento é de agora mesmo".

Dado que é unha publicación dirixida a público infantil, adaptan esta personalidade á comprensión dos seus destinatarios e para iso "é fundamental o traballo da ilustradora Tania Solla", que xa plasmou o seu quefacer a outros títulos da colección. O libro está dispoñible en librerías e pola súa banda Polo Correo do Vento planifica xa varias actividades para o ano próximo ao redor de Luísa Villalta.

O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.