O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas pechou a súa edición cunha clausura de forte carga simbólica coa proxección de Así chegou a noite, a última longametraxe do cineasta galego Ángel Santos, que regresou ao certame acompañado polo equipo do filme.
A sesión converteuse nun emotivo reencontro para o realizador, cofundador do festival xunto a Daniel Froiz e Suso Novás. Cinco anos despois da súa despedida do proxecto, Santos volveu a Novos Cinemas para presentar o seu novo traballo, nun acto que o propio festival quixo aproveitar para renderlle unha homenaxe polo seu papel fundamental na creación e consolidación do certame.
Durante a velada, o cineasta expresou a súa emoción ao comprobar a evolución do proxecto, sinalando que "crear algo como Novos Cinemas e ver que continúa, que medra e se consolida, é profundamente emocionante", engadindo "hai algo moi especial en poder vivilo agora desde a butaca, como espectador, e sentir que aquel espazo de encontro e de comunidade que soñamos segue vivo".
Así chegou a noite é a terceira longametraxe de Ángel Santos e foi rodada integramente en Galicia. A película aborda, cunha ollada madura e contida, cuestións como as relacións de parella, a ruptura cos vínculos do pasado e a tentación da desaparición. Protagonizada por Denís Gómez e Violeta Gil, a obra vén de recibir o Premio á Mellor Dirección no Festival Internacional de Cine de Xixón, onde tivo lugar a súa estrea mundial, reforzando a proxección internacional do cineasta galego.
O regreso de Santos a Pontevedra, acompañado por un amplo equipo técnico e artístico, converteu a clausura nun dos momentos máis destacados desta edición, simbolizando un encontro entre xeracións e unha celebración da identidade cinematográfica galega e do espírito colectivo que define Novos Cinemas.
Aínda así, o festival prolonga a súa actividade ata o domingo co desenvolvemento das seccións non competitivas, que manteñen viva a súa vocación como espazo de descubrimento, reflexión e apoio ás novas voces do cinema contemporáneo.