O director marinenses Ángel Santos foi galardoado co premio á mellor dirección na Sección Oficial Internacional do Festival Internacional de Cine de Xixón por ‘Así chegou a noite’.
O xurado internacional destacou a madurez artística do cineasta, que volve ao cinema de autor unha década despois de ‘Las altas presiones’ coa súa terceira longa integramente rodada en Galicia.
Esta nova proposta, protagonizada por Denís Gómez e Violeta Gil, explora as relacións persoais, a identidade e a ruptura co pasado a través dun drama intimista ambientado na costa galega.
O argumento céntrase nun escultor que instala o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. Aos poucos irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amistades e familiares.
A trama ofrece un xiro argumental cando unha antiga amante acode ao seu encontro.

A película, tras a súa estrea mundial en Xixón, vivirá a súa presentación galega este domingo 23 no festival Cineuropa en Santiago de Compostela.
Tamén está previsto que sexa a peza de clausura do festival Novos Cinemas de Pontevedra, do que Santos é cofundador, o 13 de decembro, presentándose así na cidade natal do director.
Con sólido percorrido como cineasta e docente, Santos conta cun amplo apoio do sector galego, traballando nesta ocasión coa produtora Maruxiña Film Co. Tamén conta con produción do propio Ángel Santos a través de Amateurfilms e de Daniel Froiz de Matriuska Producciones.