Despois de dous anos exercendo como directora do Museo de Pontevedra de xeito provisional, Ángeles Tilve Jar é xa titular nesta responsabilidade.
Asume a titularidade como resultado do concurso público convocado pola Deputación Provincial para cubrir a praza.
Ao concurso presentáronse varias persoas, pero só Ángeles Tilve Jar e Nuria Serrano Téllez cumpriron os requisitos formais establecidos nas bases. FInalmente, Tilve obtivo a maior puntuación entre as aspirantes admitidas.
O tribunal cualificador estivo integrado polo secretario da Deputación, o xefe do servizo de cultura e a xefa do servizo de recursos humanos.
A avaliación realizouse de acordo cos criterios fixados nas bases, que incluían a análise da experiencia profesional, da formación en museoloxía e xestión cultural, dos méritos acreditados e da proposta de dirección presentada por cada candidata.
A Deputación destaca que consolida a praza "mediante un procedemento aberto, competitivo e suxeito aos principios de igualdade, mérito e capacidade" e que a súa elección remata coa situación de provisionalidade que se iniciou en 2023, cando se converteu na primeira muller en asumir a dirección do Museo.
A súa designación "reforza a continuidade institucional do Museo de Pontevedra, ao tempo que consolida o acceso ao cargo mediante o modelo empregado nos principais museos nacionais e internacionais: concurso público, procedemento transparente e selección por criterios profesionais".
Neste concurso tan só Tilve Jar e Serrano Téllez cumpriron a condición de ser funcionaria de carreira do grupo A1 e a presentación dun proxecto de dirección. Outros catro expedientes quedaron excluídos por non acreditar a súa condición de persoal funcionario A1, tal e como requiría a convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia.
Ángeles Tilve Jar é licenciada en Xeografía e Historia, especialidade en Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela.
Vinculada ao Museo de Pontevedra desde que en 1987 ingresou como bolseira, conta con 38 anos de traxectoria na institución. Desenvolveu tarefas de documentación, investigación, conservación e coordinación técnica; foi conservadora de fondos xerais e responsable da área de Coleccións; e participou na organización de máis de medio cento de exposicións temporais.
Comisariou proxectos expositivos destacados como 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' e é recoñecida pola recuperación en 2016, xunto con José Manuel Castaño, dos orixinais do álbum Nós de Castelao, considerados desaparecidos ata ese momento.