A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra ten aberto o prazo de inscrición para catro novos cursos de Extensión Universitaria que se desenvolverán entre xullo e outubro.
As propostas, que abranguen áreas como a gravación e produción musical, a construción de fornos cerámicos, a arte 3D e o ámbito artístico profesional, contan con 20 prazas cada unha que se cubrirán por orde de inscrición.
Os cursos, cunha duración de entre 30 e 40 horas, teñen un prezo que oscila entre os 40 e os 60 euros, con descontos do 35% para a comunidade universitaria, familiares e alumnado (Alumni UVigo), e do 20% para outros colectivos vinculados coa universidade.
A programación comezará o 7 de xullo coa segunda edición de "Profesionalización e sustentabilidade no ámbito artístico", dirixido pola artista e docente Iria Vázquez. O obradoiro abordará a realidade profesional do sector artístico, analizando boas prácticas e as relacións entre artistas e público, ademais de explorar a perspectiva de xénero no ámbito.
Entre o 10 de xullo e o 18 de setembro, a Facultade de Belas Artes acollerá o curso "Constrúe o teu propio forno cerámico", impartido pola profesora Covadonga Barreiro, a técnica en escultura Teresa Pece e o ceramista Wladimir Vivas. Os participantes aprenderán a construír un forno con ladrillo refractario e descubrirán as posibilidades estéticas das coccións a alta temperatura.
Para completar a oferta de xullo, o produtor e profesor Javier Abreu dirixirá o curso "Gravación e produción musical" entre o 15 e o 30 de xullo, onde os asistentes explorarán os procesos de produción musical nos ámbitos analóxico e dixital.
Xa en setembro, o Lab Crea da Casa das Campás acollerá o curso "Iniciación á arte 3D", dirixido polo investigador Alberto Abal, que contará coa participación do animador Francisco Pérez e da ilustradora Belén Bonilla. O curso achegará aos participantes ás técnicas e ferramentas empregadas nas industrias dos videoxogos e a animación.
As inscricións permanecen abertas na plataforma Campus Activo.