Unha guía e catro unidades didácticas achegarán ao estudantado o arboreto e a xiloteca do campus

Pontevedra
14 de maio 2025

Trátase dunha ferramenta de apoio ao currículo escolar, que busca promover o respecto pola biodiversidade e a aprendizaxe activa en contacto coa natureza

Visita guiada polo arboreto do campus
Visita guiada polo arboreto do campus / Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal dispón dunha xiloteca, unha colección conformada por 441 pezas de madeira de 93 especies. 

O campus de Pontevedra tamén conta cun arboreto integrado por preto de 350 árbores de 50 especies.

Agora, unha guía e catro unidades didácticas achegarán estes recursos ao estudantado de primaria e secundaria.

Como explicou o enxeñeiro forestal Luis Ángel Gómez, responsable do deseño das unidades didácticas, "a idea é que os nenos e nenas, unha vez visitan estes recursos, poidan repasar co seu profesorado os coñecementos adquiridos".

Será a través dunha serie de actividades que permiten "traballar moitos conceptos", desde o cambio climático, a contaminación ou a conservación da biodiversidade, ata a flora e a fauna.

Promovida pola Vicerreitoría, esta iniciativa foi concibida como unha ferramenta de apoio ao currículo escolar, que busca promover o respecto pola biodiversidade e a aprendizaxe activa en contacto coa natureza.

Estes recursos reúnense á súa vez nun espazo web e foron presentados nun acto que contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a directora da Escola, Ángeles Cancela; o director da Área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e a directora da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, Delfina Couce.

Presentación destes recursos educativos
Presentación destes recursos educativos      Universidade de Vigo

A vicerreitora explicou que o obxectivo destes materiais é "dinamizar e pór en valor, como un recurso de formación, este patrimonio que ten o campus", favorecendo a realización de visitas por parte dos centros de ensino, que permitan "estimular no alumnado un amor pola natureza e o coñecemento do campus e da EE Forestal". 

Estes materiais, engadiu, serán empregados polos preto de 500 estudantes da contorna de Pontevedra, procedentes tanto de diferentes institutos como de centros de primaria, que nas próximas semanas participarán nunha serie de visitas á xiloteca e á ruta do arboreto, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite coñecer os seus exemplares máis significativos.

Cancela, pola súa banda, destacou a importancia que ten para a EE Forestal esta xiloteca, "que para nós é tamén un laboratorio dentro do centro", tendo en conta ademais que en España só existen outras catro coleccións deste tipo; mentres que Couce subliñou que estes recursos permiten achegar "unha visión do que é o medio ambiente e a importancia da súa conservación ao alumnado e á poboación en xeral". 

Estes recursos didácticos, que se suman á guía do arboreto elaborada en 2019, coincidindo coa creación da base de datos na que están xeolocalizadas as 350 árbores existentes no campus, insírense no obxectivo da Vicerreitoría de "potenciar as coleccións universitarias" existentes en Pontevedra, sinalou Torres.

Con esa idea, estes materiais reúnense nunha web que ten como obxectivo "pór en valor todo este traballo e facelo accesible para todos", como explicou o egresado da Facultade de Comunicación Rafael Sierra, responsable do deseño dun portal ao que se irán incorporando novos contidos. 

De feito, apuntou Torres, o obxectivo é que aos materiais sobre a xiloteca e o arboreto se sumen o curso seguinte os centrados na colección de material audiovisual coa que conta a Facultade de Comunicación, que, explicou, "estamos catalogando" actualmente.