Paula Vila, estudante do campus de Pontevedra, é a única representante galega en ‘Generación Docentes’

Pontevedra
05 de maio 2025
Actualizado: 16:51

Foi seleccionada no programa para futuro profesorado da Fundación Princesa de Girona que combina a formación coa realización de prácticas nunha escola rural

Paula Vila foi seleccionada no programa para futuro profesorado da Fundación Princesa de Girona
Paula Vila foi seleccionada no programa para futuro profesorado da Fundación Princesa de Girona / Universidade de Vigo

Un total de 40 estudantes de máis dunha vintena de universidades españolas participan no presente curso en  'Generación Docentes', un programa de desenvolvemento profesional para futuros profesores cunha "mirada transformadora" da Fundación Princesa de Girona.

Entre elas atópase a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra Paula Vila, única estudante galega seleccionada na presente edición dunha iniciativa que combina a formación en competencias docentes cunha estadía de prácticas en escolas rurais de Aragón, Estremadura, Galicia e Castela León.

"Ter sido seleccionada faime sentir orgullosa de min mesma e do meu percorrido como estudante nestes anos", sinala Vila Costas, alumna de último curso do Grao en Educación Infantil, que viu nos últimos meses como o seu esforzo era recoñecido tanto coa súa selección para este programa como cun dos premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica, que a Xunta de Galicia outorgar ao alumnado de grao con mellores cualificacións.

De feito, as súas cualificacións académicas foron unha das cuestións avaliadas no proceso de selección para participar neste programa, xunto cun cuestionario e unha entrevista persoal.

"Participar no programa permíteme vivir unha experiencia diferente da que aprender, enriquecerme e poder crecer persoal e profesionalmente", salienta esta estudante do campus pontevedrés respecto da súa selección para formar parte dun programa dirixido a estudantado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria e promovido coa colaboración da Fundación Banco Sabadell e a Fundación Vertex Bioenergy.

"Saber que estou entre as 40 participantes faime confiar máis en min e borrar límites e barreiras que unha ponse a si mesma", recoñece Vila en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo. 

Presentado pola Fundación Princesa de Girona como "unha experiencia de desenvolvemento profesional e aprendizaxe que revolucionará" a forma de ensinar dos futuros docentes, 'Generación Docentes' abrangue un programa formativo de carácter virtual, xunto co asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de emprendemento educativo. A estas iniciativas súmanse outra serie de experiencias, como catro meses de prácticas en centros rurais, unha expedición pedagóxica ou a participación nas actividades do Tour del Talento desta fundación, unha serie de encontros centrados en favorecer o emprendemento, a empregabilidade e o benestar das persoas novas.   

Neste punto, Vila destaca como a participación nunha serie de coloquios e talleres con profesionais do mundo da psicoloxía, o emprendemento ou a educación estanlle a achegar "experiencias e novas perspectivas", que lle permiten "ter unha formación integral e unha visión máis global" para o seu futuro labor como docente.