Xornada de portas abertas no campus universitario para captar novos estudantes

Pontevedra
24 de abril 2025
Actualizado: 19:00

A meirande parte dos catrocentos alumnos que participaron eran estudantes de primeiro de bacharelato, que viron nesta cita unha oportunidade para coñecer máis de preto as titulacións do seu interese

Xornada de portas abertas no campus universitario de Pontevedra
Xornada de portas abertas no campus universitario de Pontevedra / Universidade de Vigo

Máis de catrocentos estudantes de bacharelato, procedentes de seis cidades de toda Galicia, participaron este xoves na xornada de portas abertas coa que o campus universitario de Pontevedra mostrou toda a súa oferta formativa.

A través desta iniciativa, os responsables do campus buscan que os futuros universitarios poidan coñecer de primeira man o día a día nas diferentes facultades e escolas e os ámbitos de aplicación dos seus estudos, a través dunha serie de visitas divididas por ámbitos.

A vicerreitora Eva María Lantarón, que foi a anfitrioa desta xornada, explicoulles que o campus de Pontevedra conta "con moitas titulacións singulares", únicas no sistema universitario galego, centradas no ámbito da creatividade, o eixe do proxecto de especialización Campus Crea. 

Os participantes, divididos en diferentes grupos, acudiron ás diferentes facultades e escolas para participar en cinco percorridos diferentes, segundo os itinerarios de interese que previamente seleccionaran.

O máis numeroso, con 135 estudantes, foi o de educación, centrado en darlles a coñecer os tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Outros 130 decantáronse polo artístico-humanístico e puideron coñecer as aulas e talleres de Belas Artes e Deseño. No ámbito das Ciencias Sociais, 86 mozos e mozas achegáronse ás titulacións das facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública.

Pola súa banda, 56 decantáronse pola área da saúde, visitando a Facultade de Fisioterapia e a Escola Universitaria de Enfermaría, mentres que unha decena optou polo eido tecnolóxico, o que levounos a coñecer os estudos que se imparten na Escola de Enxeñaría Forestal. 

A meirande parte dos futuros alumnos eran estudantes de primeiro de bacharelato, que viron nesta cita unha oportunidade para coñecer máis de preto algunhas das titulacións do seu interese.