O teatro ábrese paso no campus coa súa propia agrupación teatral estable

Pontevedra
23 de abril 2025

Este grupo teatral ten como primeiro obxectivo preparar unha montaxe para unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra, que será na primeira quincena de maio

Participantes no obradoiro de teatro do campus universitario
Participantes no obradoiro de teatro do campus universitario / Universidade de Vigo

O campus universitario de Pontevedra terá o seu grupo de teatro. Estará dirixido por Jesús Salvador del Río, responsable da compañía Teatro de Ningures, e dará continuidade ás actividades formativas que se desenvolven desde hai anos na aula de teatro.

Así, ambas iniciativas desenvolverán a súa actividade de xeito paralelo ao longo do ano.

A aula manterá o carácter formativo que tivo desde o seu nacemento, mentres que a agrupación teatral buscará dar forma a un "grupo estable", aínda que tamén estará aberta a recibir máis membros "se o director o considera oportuno", explica o seu coordinador.

Este grupo teatral toma o relevo do obradoiro de teatro desenvolvido no primeiro cuadrimestre e que ten como primeiro obxectivo preparar unha montaxe para unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra.

O obradoiro contou cunha quincena de participantes, tanto un grupo grande de universitarios como persoas de diferentes idades, que "case todas tiveran algún contacto previo co teatro", apunta Salvador Del Río. 

De cara a esta mostra de teatro universitario, que se desenvolverá na primeira quincena de maio, o grupo representará a obra Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño.

Ao mesmo tempo, a agrupación contribuirá a que a aula poida ofrecer unha formación "máis estable e máis ampla", na que achegar aos participantes distintas facetas do teatro e permitir iniciarse nesta disciplina "sen ter a obriga de representar ou de xirar coa obra".

Esta combinación dunha aula formativa cun grupo máis orientado á preparación de actuacións púxose en marcha o pasado ano coa creación do grupo de música tradicional do campus, ao que seguiu no presente curso o de baile tradicional.