'Antes de Nós', a película de Ángeles Huerta sobre Castelao, poderá verse este mércores no Teatro Principal

Pontevedra
06 de outubro 2025
Actualizado: 07 de outubro

Xunto coa proxección da película, haberá unha intervención especial da actriz protagonista, Cristina Iglesias, quen compartirá co público as súas experiencias e visións sobre o proxecto

Escena da película 'Antes de Nós'
Escena da película 'Antes de Nós' / PontevedraViva

O Teatro Principal acollerá este mércores 8 de outubro, a partir das 19:30 horas, a proxección de Antes de Nós, a película sobre os anos mozos de Castelao que a directora Ángeles Huerta rodou na cidade de Pontevedra.

Xunto coa proxección da película, haberá unha intervención especial da actriz protagonista, Cristina Iglesias, quen compartirá co público as súas experiencias e visións sobre o proxecto.

Antes de Nós é unha longametraxe de ficción que mergulla aos espectadores na vida de Castelao antes de converterse na figura pública, explorando a súa faceta máis íntima xunto a Virxinia, á que dá vida Cristina Iglesias

A película tece dúas historias: a experiencia de Castelao, que nesta película encarna o actor Xoán Fórneas, como médico en Rianxo durante a gripe española en 1918 e a viaxe da parella por Bretaña en 1929, poucos meses despois da perda do seu fillo.

É unha historia de separación e reencontro, de crecemento persoal e artístico e da configuración da identidade galega a través dos ollos dos seus protagonistas.

Ademais de Xoán Fórneas como Castelao e Cristina Iglesias como Virxinia, a película conta coa participación de Nancho Novo, Adrián Ríos, Miquel Ínsua, Sergio Zearreta ou Xoel Fernández, entre outros.

Ángeles Huerta, directora da película, é coñecida polo seu documental Esquece Monelos (2017) e a súa premiada longametraxe de ficción O corpo aberto (2022), que recibiu doce Premios Mestre Mateo. Antes de Nós é a súa terceira longametraxe.

Desde o Concello de Pontevedra destacan que a proxección deste filme é un complemento da exitosa programación dos premios Feroz 2025/2026 que se está a desenvolver na cidade.

A apertura de portas será ás 18:30 horas. A entrada será libre ata completar capacidade, sen necesidade de entradas, ofrecendo así a toda a cidadanía a oportunidade de gozar desta película.

Ademais desta proxección aberta ao público, o Concello programará outro pase pechado da película, destinado especificamente aos institutos da cidade.