O gañador do XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo de Bueu é o autor Antón Lopo pola súa crónica sobre Xulio Calviño titulada "Terán que volver os bárbaros para liberarnos", publicada orixinalmente en Sermos Galiza o 12 de marzo de 2015.
O xurado desta edición destacou a orixinalidade do personaxe protagonista da crónica e a profunda investigación presentada a través dunha prosa fluída con referencias históricas, mitológicas e literarias. O gañador recibirá un premio de 1.500 euros.
Súmase este premio ao de poesía que recaeu na coruñesa Pura Tejelo Núñez. Ambos os gañadores participarán no programa da Semana das Letras Galegas, que están a preparar as concellerías de Normalización Lingüística e de Cultura de Bueu.
O premio Johán Carballeira, nacido no ano 2002, tivo gañadores en anteriores edicións da altura de Yolanda Castaño, Berta Dávila, Carlos Caneiro, Francisco Seoane, Moncho Paz ou Cristian López, tanto na categoría de poesía como de xornalismo.