Antonio José, o gañador do concurso televisivo 'A Voz' de Telecinco no ano 2015, chegaba ao escenario da praza de España este xoves 16 coa intención de facer vibrar aos seus fans máis fieis, que agardaran durante máis de dez horas ante o escenario aturando as altas temperaturas da xornada, e de mostrar ao gran público que a súa carreira artística aspira a ter unha traxectoria longa.
Unha vez máis, o público abarrotou o recinto nun novo concerto das Festas da Peregrina e bailou e coreou os temas pop do músico cordobés que, cos seus xiros aflamencados, foi presentando o seu terceiro álbum que leva por título 'A un milímetro de ti'. Non faltaron no repertorio os seus temas máis coñecidos como 'Me haces falta' ou o seu último éxito, 'Me olvidé'.
Ao termo do concerto, o cantante de Palma del Río lanzou un chío en Twitter no que aseguraba que xa estaba a botar de menos a Pontevedra porque lle roubara o corazón: "Pontevedra, me robaste el corazón. ¡Qué feliz he sido contigo! Gracias por esta noche tan bonita. Ya te echo de menos "
Durante este venres, o escenario acollerá o Festival infantil tras a Batalla de Flores, mentres que ás 22.30 horas a praza do Teucro acolle un concerto da Banda de Música de Pontevedra e na Ferrería desenvolverase un recital de Radio Cos.