Apostan por "darlle un impulso" ao Premio de Poesía Concello de Marín

Marín
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este xoves publicáronse as bases do XXII Premio de Poesía do Concello de Marín. As propostas poden presentarse ata o día 3 de maio

Presentación do XXII Premio de Poesía do Concello de Marín
Presentación do XXII Premio de Poesía do Concello de Marín / Concello de Marín

Este xoves publicáronse as bases do XXII Premio de Poesía do Concello de Marín, dentro da programación conmemorativa polo Día das Letras Galegas.

"Queremos darlle un impulso a este premio e motivar ás persoas apaixoadas da poesía a que se animen a participar", explicou a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, tras presentar o premio acompañada da directora da Biblioteca Municipal #Vidal Pazos, María Engracia Vicente.

Os poetas Lara Dopazo, Tamara Andrés e Ismael Ramos e a xornalista Susana Pedreira compoñerán o xurado da presente edición, cuxo premio será de 1.000 euros.

O certame está aberto aos maiores de idade, podendo presentar unicamente un traballo por persoa. Os traballos serán en lingua galega, orixinais e inéditos, de temática libre e cunha extensión mínima de 100 versos, que poderán formar parte dun só poema ou de varios.

O prazo para presentar manuscritos será ata o 3 de maio ás 14.00 horas, a través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello de Marín en dous sobres separados, coa obra asinada baixo pseudónimo.

O xurado dará a coñecer a proposta gañadora o día 14 de maio.