O Concello de Poio anunciou que a XXXVII Festa da Ameixa de Campelo celebrarase do 26 ao 28 de setembro, unha cita moi esperada que, como cada ano, rende homenaxe a un dos produtos estrela da ría e auténtico símbolo de identidade local.
A elección das datas fíxose en consenso co sector marisqueiro, buscando o mellor momento para poñer en valor o seu traballo e esta delicia gastronómica.
E como non podía ser doutra maneira, tamén regresa o Concurso de Fotografía que organiza a Asociación de Mujeres Arela, unha oportunidade perfecta para capturar a esencia da festa, os labores tradicionais do mar, as súas xentes e o compromiso coa sustentabilidade.
As persoas interesadas poden enviar as súas imaxes ata o 24 de setembro ao correo [email protected].
As bases do concurso admiten ata dúas fotografías por participante e non aceptan imaxes que fosen manipuladas dixitalmente.
O xurado estará formado por representantes da Concellería de Cultura, a Asociación de Mujeres Arela e a empresa Gaia Animación, e terá en conta aspectos como a creatividade, o impacto visual da mensaxe, a adecuación ao tema e a conexión co espírito da Festa da Ameixa.
O primeiro premio é un bono en material fotográfico valorado en 300 euros, o segundo premio é de 200 euros e o terceiro é un bono de cen.