Artistas "referentes" en Galicia protagonizarán en setembro un festival musical en Pontevedra

Pontevedra
05 de xullo 2018

A terceira edición do Festival do Leite Galego, que impulsa anualmente o cooperativa Deleite, celebrarase en Pontevedra. Así se desvelou este xoves. O lugar elixido é A Illa das Esculturas, que volverá encherse dun público familiar para gozar de grandes bandas e artistas galegos o sábado 15 de setembro

Presentación do Festival do Leite Galego en Pontevedra
Presentación do Festival do Leite Galego en Pontevedra / Mónica Patxot

A terceira edición do Festival do Leite Galego, que impulsa anualmente o cooperativa Deleite, celebrarase en Pontevedra. Así se desvelou este xoves. O lugar elixido é A Illa das Esculturas, que volverá encherse dun público familiar para gozar de grandes bandas e artistas galegos o sábado 15 de setembro.

O coordinador de Deleite, Pedro González, explicou que o cartel do festival presentarase a finais de xullo, pero avanzou que nel actuarán grupos "exclusivamente galegos" ou vinculados con Galicia que este ano "estiveron marcando tendencia musical". Ademais, haberá tamén presencia de grupos locais.

En edicións anteriores, celebradas en Santiago e Lugo, actuaron entre outros Terbutalina, Eladio y los seres queridos, Siniestro Total, Familia Caamagno ou Novedades Carminha.

Este festival, que ten carácter itinerante, chega a Pontevedra, cidade á que tiñan un "interese especial" en vir, explicou o seu coordinador, ante o "rexurdimento" cultural dos últimos anos e porque, para un festival destas características que está destinado a un público familiar "é o mellor sitio para facelo".

O Festival do Leite Galego, para o que eventos como o Surfing the Lérez son un "referente", busca contribuír "modestamente" á vida cultural de Galicia, aproveitando para trasladar aos mozos galegos a importancia do sector lácteo.

Pedro González explicou que, actualmente, existen unhas 10.000 "miniempresas" vinculadas con este sector en Galicia, comunidade na que están censadas unhas 360.000 vacas e que produce máis do 51% da produción láctea de todo o país. "Hai que poñer isto en valor diante da mocidade", asegurou.

O cooperativa Deleite, nacida en 2016, agrupa a gandeiros galegos que "por vez primeira" decidiron asociarse para producir e comercializar os seus produtos "sen intermediarios", destaca o seu coordinador. Este festival, ademais, busca ocupar un oco porque das 348 festas gastronómicas que se celebran en Galicia "non había nada do sector lácteo". 

Desde o goberno municipal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción pola elección da cidade como sede deste festival e avanzou que "se algún día" deixa de ter carácter itinerante "estaremos encantados" de que a Boa Vila pase a ser a súa sede de forma permanente.