Así vai ser o Festival do Leite na Illa das Esculturas

Pontevedra
13 de setembro 2018

O Festival do Leite, organizado por Deleite, leva este sábado a Pontevedra un cartel de concertos co mellor da música galega do momento. Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro encabezan un evento que encherá de música durante todo o día a Illa das Esculturas

Festival do Leite / Deleite

O Festival do Leite, organizado por Deleite, leva este sábado a Pontevedra un cartel de concertos co mellor da música galega do momento. Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro encabezan un evento que encherá de música durante todo o día a Illa das Esculturas.

O festival, que ten entrada libre, comezará ó mediodía e continuará ata pasada a medianoite. Con este horario, o obxectivo do Festival do Leite é facilitar a asistencia de tódolos públicos, incluidas familias con nenos pequenos, que poderán disfrutar de dous espectáculos infantís, a cargo de María Fumaça e a Gramola Gominola, así coma cun obradoiro de debuxo de Luis Davila, "O Bichero", que estará na Illa das Esculturas a partir das 12 do mediodía.

Para as persoas que queiran pasar todo o día no festival, haberá postos de comida e bebida.

Horarios dos concertos

  • María Fumaça: 12.30 horas. (Espectáculo infantil)
  • Cora V: 13.30 horas.
  • De Vacas: 14.15 horas.
  • Gold&Colt: 15.15 horas.
  • Soul Jacket: 16 horas.
  • Gramola Gominola: 17 horas. (Espectáculo infantil)
  • Bifannah: 18 horas.
  • Sés: 19 horas.
  • La Casa de los Ingleses: 20.30 horas.
  • The Limboos: 21.15 horas.
  • Disco Las Palmeras: 22.15 horas.
  • Triángulo de Amor Bizarro: 23 horas.

 

Con este festival, Deleite, a marca propiedade dun grupo de gandeiros galegos, quere poñer en valor a importancia estratéxica do sector lácteo de Galicia. Na nosa comunidade víñanse celebrando máis de 400 festas gastronómicas e preto de 300 feiras sectoriais, pero non había ningún evento adicado ó produto agrario que máis aportou historicamente á economía de Galicia, como é o leite.

O Festival do Leite está organizado e promovido por Deleite, unha marca que volveu ó mercado no 2016 impulsada por Leite Noso, unha sociedade constituida por gandeiros que se xuntaron para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación dunha industria. Foi a primeira vez en Galicia en que un grupo de gandeiros se organizou para vender directamente a súa produción.

Os obxectivos de Deleite co Festival do Leite son dar a coñecer e poñer en valor a gandería galega, reivindicar o sector leiteiro como estratéxico e de vital importancia para a economía do rural galego, celebrar que temos un leite de calidade, producido por gandeiros moi profesionais e con talento e manifestar o compromiso de Deleite coa cultura galega, en todos os seus ámbitos.