As asociacións de Amigos do Camiño estudan co conselleiro de Cultura os obxectivos de cara o Xacobeo 21

Pontevedra
12 de decembro 2018

O presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués Tino Lores mostraba a súa satisfacción porque a Xunta elixira Pontevedra para este encontro e destacou a ofrenda floral realizada no santuario da Peregrina. Reclama máis prazas para o albergue

Asociacións de Amigos do Camiño coa directora de Turismo e o conselleiro de Cultura ante a Peregrina
Asociacións de Amigos do Camiño coa directora de Turismo e o conselleiro de Cultura ante a Peregrina / Mónica Patxot

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, e Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, mantiñan un encontro no mediodía deste mércores con representantes das asociacións de amigos do Camiño de Santiago, de toda Galicia, na Casa das Campás de Pontevedra e previamente nun acto relixioso na Peregrina. 

O titular de Cultura explicou aos asistentes os proxectos que están a desenvolverse para a gran cita prevista con motivo da celebración do Xacobeo 21, co obxectivo de solicitar ideas e propostas por parte destes colectivos que se encargan de impulsar o camiño en distintos puntos da comunidade.

Por parte da asociación pontevedresa Amigos do Camiño Portugués, o presidente Tino Lores mostraba a súa satisfacción porque a Xunta elixira Pontevedra para este encontro e destacou a ofrenda floral realizada no santuario da Peregrina.

Tino Lores manifestou que espera que durante 2019 se acometan as obras, que se atopan en proceso de licitación, en Alba para garantir a seguridade dos numerosos peregrinos que atravesan este tramo, pero sinalou que quedan outros cruces importantes na N-550 que é necesario revisar como en Redondela e en Cesantes. Indicou que algunhas obras tamén son responsabilidade da Deputación Provincial. 

Pola súa banda, o conselleiro afirmaba que un dos aspectos en que se está traballando de cara ao 2021 é o de mellorar a seguridade viaria e a persoal durante todos os itinerarios da ruta.

Román Rodríguez situou a cifra de peregrinos que percorreron o Camiño Portugués en 70.000, mentres que Tino Lores cre que se achega aos 80.000 porque moitos deles non recollen a compostelá.

Neste sentido, o presidente da asociación pontevedresa reclama máis camas para o albergue, que na súa última reforma pasou de 50 a 70 prazas. Durante este verán foi necesario habilitar pavillóns para acoller a demanda e 2.000 peregrinos pasaron por estas dependencias. Entende que é necesario buscar solucións para acoller, como veñen facendo anualmente, ao 20% do total de visitantes que realizan o Camiño, ante o incremento que se espera de cara ao próximo ano xacobeo.

Con todo, o conselleiro afirma que a intención por parte da Xunta non pasa por ampliar o albergue pontevedrés senón porque os peregrinos utilicen pensións, hoteis ou demais establecementos para o descanso co obxectivo de que fomenten a actividade económica nas distintas vilas.