As cores dos traxes de Castelao brillan nun desfile-musical de Os de Algures

Pontevedra
18 de decembro 2016

45 artistas participaron no espectáculo 'Castelao: Pintando traxes, tecendo harmonías', que se desenvolvía este sábado no Teatro Principal de Pontevedra onde se amosaron máis de 400 pezas de roupa recollidas das obras do autor de Rianxo

'Castelao: Pintando traxes, tecendo harmonías', de Os de Algures
'Castelao: Pintando traxes, tecendo harmonías', de Os de Algures / Diego Torrado

A través de diversas escenas que recollían pinturas ou cadros teatrais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a agrupación Os de Algures realizaba este sábado un repaso ás vestimentas recollidas nas obras do autor de Rianxo e que se empregaban aínda a principios do século XX en lugares como Pontevedra.

'Castelao: Pintando traxes, tecendo harmonías' presentábase este sábado no Teatro Principal ante a presenza de numeroso público que puido comprobar os numerosos refaixos que levaban as mulleres galegas baixo os seus traxes ou o colorido de moitas das vestimentas, tanto de mulleres como de ombreiros, ou mesmo as roupas que se vestían para asistir aos enterros. 

Ao longo de hora e media de montaxe, os músicos de Os de Algures amenizaban as presentacións dos traxes, acompañadas de explicacións sobre a súa composición e deseño. Dúas escenas de Os vellos non deben de namorarse, a obra teatral de Castelao, foron representadas por actores da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra. Os bailaríns de Celme e as pandereteiras da agrupación Soalleira de Dorrón tamén ofreceron escenas relacionadas coa obra do galeguista. En total, 45 persoas para amosar máis de 400 pezas de roupa.

Este domingo como Gala final do 'Ano Castelao', o Pazo da Cultura acolle a partir das 18.00 horas un acto no que participarán múltiples artistas como o actor Carlos Branco, o debuxante Luís Davila ou a actriz pontevedresa Bea Campos.