'A Galicia insólita', de Antonio Fraguas, aparecerá este domingo no Teatro Principal con Os de Algures

Pontevedra
25 de outubro 2019

Ao redor de 80 intérpretes, músicos e bailaríns participarán nesta sexta montaxe da agrupación folclórica Os de Algures, que se poderá ver o domingo 27 de outubro ás 20.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra con entrada libre ata completar as butacas

Presentación de 'A Galicia insólita', de Os de Algures, coa deputada María Victoria Alonso e a concelleira Carmen Fouces
Presentación de 'A Galicia insólita', de Os de Algures, coa deputada María Victoria Alonso e a concelleira Carmen Fouces

A agrupación folclórica Os de Algures volve realizar unha montaxe multidisciplinar e con decenas de colaboracións. Este domingo 27 ao escenario do Teatro Principal subirán máis de 80 persoas entre intérpretes, músicos e bailaríns na sexta montaxe deste grupo e que, nesta ocasión, escenifica 'A Galicia Insólita. Tan lonxe e tan preto', baseada no libro de Antonio Fraguas, autor ao que este ano se dedicaba o Día das Letras Galegas.

Este venres, a concelleira de Cultura Carmen Fouces; a deputada desta área na Deputación, María Victoria Alonso e os integrantes de Os de Algures, José Luis Rodríguez e Antonio Vázquez, presentaban a estrea deste espectáculo, que conta coa participación da Aula Municipal de Teatro; Sete Espadelas; Tarabelo Teatro; Pandereteiras e Bailadores Sadeo; o coro de veteranos de A Xunqueira, Vinderel; e o Ballet Folclórico Galego.

O argumento céntrase na viaxe que un gaiteiro e un tamborileiro realizan ata San Andrés de Teixido. Durante o percorrido van atoparse, entre outras escenas, coa Santa Compaña, cun velorio onde se poderá ver o xogo do abellón ou cunha voda onde a pragmática real tentaba evitar os excesos dos xantares galegos nestas celebracións.

José Luis Rodríguez explicaba que a parte teatral adquire máis protagonismo nesta montaxe que volverá ser colorista e moi visual como xa sucedía nas anteriores obras sobre as figuras de Perfecto Feijoo, Casto Sampedro, Carlos Sobrino, Castelao ou dunha tecedeira galega. Sobre o escenario poderán verse, nesta ocasión, pezas de roupa e manteis con máis dun século de antigüidade cunha escenografía de máis de oito metros que recrea un cemiterio polo que aparecerá a Santa Compaña sempre levándose a alguén entre as figuras espectrais. Interpretación, música e baile mestúranse nunha obra que recolle o mellor da tradición e da cultura galega.

O espectáculo comezará este domingo 27 de outubro ás 20.30 horas no Teatro Principal con entrada libre ata completar o espazo do recinto.