A 'Galicia insólita' de Os de Algures pon en pé o Teatro Principal de Pontevedra

Pontevedra
28 de outubro 2019

Un ano máis, e xa van seis, Os de Algures estreou un novo espectáculo etnográfico. E de novo cun gran éxito. Cun Teatro Principal cheo, a agrupación folclórica escenificou por primeira vez A Galicia Insólita. Tan lonxe e tan preto, unha montaxe baseada no libro de Antonio Fraguas, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas

Representación da 'Galicia Insólita' de Os de Algures no Teatro Principal
Representación da 'Galicia Insólita' de Os de Algures no Teatro Principal / Diego Torrado

Un ano máis, e xa van seis, Os de Algures estreou un novo espectáculo etnográfico. E de novo cun gran éxito. Cun Teatro Principal cheo, a agrupación folclórica escenificou por primeira vez A Galicia Insólita. Tan lonxe e tan preto, unha montaxe baseada no libro de Antonio Fraguas, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Máis de 80 intérpretes, músicos e bailaríns subíronse ao escenario para representar este espectáculo, que contou coa colaboración da Aula Municipal de Teatro, Tarabelo Teatro, Pandereteiras e Bailadores Sadeo, o coro de veteranos da Xunqueira, Vinderel e o Ballet Folclórico Galego. Ademais, o vestiario foi achegado por Sete Espadelas.

A Santa Compaña, que percorreu parte do centro histórico antes do inicio do espectáculo, protagonizou un dos cinco actos deste espectáculo, no que Os de Algures repasaron, a partir dunha viaxe que un gaiteiro e un tamborilero realizan ata San Andrés de Teixido, algunhas das tradicións galegas máis ancestrais.

A Galicia máis sorprendente púidose ver a través, entre outras escenas, dun bautismo prenatal, dun velorio co tradicional xogo do "abellóns" ou dunha voda onde a pragmática real tentaba evitar os excesos das comidas galegas nestas celebracións.

Interpretación, música e baile mesturáronse nunha obra que recolle o mellor da tradición e da cultura galega e que logrou o aplauso unánime do público pontevedrés, que dedicou unha extensa ovación ao termo do espectáculo.