Sete Espadelas obtén dous galardóns nos Premios de Investigación Antonio Fraguas na súa XXV edición

Pontevedra
19 de decembro 2019

José Luis Rodríguez e David Quiñones acadaban este mércores 18 os dous primeiros premios neste certame de Investigación do Traxe Galego organizado polo Concello de Santiago en colaboración coa Asociación do Traxe Galego

David Quiñones e José Luis Rodríguez, de Sete Espadelas
David Quiñones e José Luis Rodríguez, de Sete Espadelas

Novo éxito para a asociación pontevedresa Sete Espadelas. Os seus promotores, José Luis Rodríguez e David Quiñones, acadaban este mércores os dous primeiros premios nos XXV Premios de Investigación do Traxe Galego Antonio Fraguas, organizados polo Concello de Santiago en colaboración coa Asociación do Traxe Galego. 

David Quiñones obtiña o premio ao mellor traballo analítico co seu estudo 'Como vestir o traxe tradicional: 40 erros e mitos', dotado con 1.200 euros.

O traballo recolle una profunda investigación tentando volver ás orixes do noso traxe tradicional acudindo ás pezas antigas, chamadas "pezas mestras ou testemuñas ". Neste estudo tamén se desterran erros e falsas crenzas arrastradas ao longo dos anos sobre a indumentaria galega. 

José Luis Rodríguez acadou o premio ao mellor traballo descritivo, dotado con 600 euros, coa obra 'Fierros, a versión máis romántica do traxe', onde fai unha revisión detallada da iconografía das grandes obras pictóricas do artista decimonónico Dionisio Fierros, o pintor costumista máis importante en Galicia.

Os Premios de Investigación do Traxe Galego Antonio Fraguas son un referente en Galicia e celebran este ano o seu 25 aniversario, coincidindo co ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas ao gran etnógrafo de Cotobade. 

José Luis Rodriguez e David Quiñones, da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, foron os comisarios este verán da exposicion 'Galicia, a terra dos mil panos' no Museo de Pontevedra, mostra máis visitada do 2019 con 11.000 persoas acudindo ao Sexto Edificio. 

Os dous premiados desta asociación teñen unha longa traxectoria na defensa da cultura tradicional, Rodríguez como membro da Asociación Gaiteiros Os de Algures e Quiñones como bailador na Agrupación Folklórica Celme.