Os escaparates dos comercios das galerías Oliva estrearán esta fin de semana o I Roteiro de Traxes Tradicionais de Pontevedra, unha iniciativa promovida pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas e a Concellería de Promoción Económica co obxectivo de dar a coñecer a nosa indumentaria tradicional e fomentar as visitas e compras no pequeno comercio local.
Un total de trece traxes permanecerán expostos ata o día 23 de novembro.
A Asociación Etnográfica Sete Espadelas xurdiu en Pontevedra grazas ás inquedanzas que un grupo de persoas tiñan arredor da indumentaria tradicional, adicándose ao estudo, recuperación e reprodución de prendas esquecidas ou distorsionadas dos nosos traxes tradicionais.
Para conseguilo, recuperan os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos, sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas a persoas maiores.
Como parte desta tarefa tamén tentan recuperar todo o proceso artesanal do liño, dende a súa sementeira ata o traballo do tear, para reproducir os diferentes tipos de tecidos antigos (lenzo, xerga, picote ou candil...).
Os membros deste colectivo acumulan máis de vinte primeiros premios no Día do Enxalzamento do Traxe Galego, así coma nove premios Antón Fraguas sobre a investigación do traxe tradicional, concedidos polo Concello de Santiago e considerados como os galardóns de maior prestixio na indumentaria tradicional.
Sete Espadelas ven realizando diversas mostras, exposicións, obradoiros e conferencias por toda a xeografía galega. O Museo de Pontevedra acolleu este mesmo verán a mostra "Galicia, a terra dos mil panos", con 11.000 visitas en pouco máis dun mes.