'Así chegou a noite' adianta o seu tráiler antes da súa estrea en Xixón e Novos Cinemas

Pontevedra
20 de novembro 2025

Máis de dez anos despois de 'As altas presións' -a súa última longametraxe-, o cineasta Ángel Santos presenta a que é a súa terceira película, rodada integramente nas Rías Baixas

Escena da película 'Así chegou a noite'
Escena da película 'Así chegou a noite' / PontevedraViva

Apenas un día antes da súa estrea mundial, que será no Festival Internacional de Cine de Xixón, un dos máis prestixiosos de España, xa podemos ver o tráiler de Así chegou a noite, a nova película do director pontevedrés Ángel Santos.

Tras o seu debut no festival asturiano, a estrea da película en Galicia será este domingo 23 de novembro no marco de Cineuropa, en Santiago, e poderá verse en Pontevedra o sábado 13 de decembro, clausurando o festival Novos Cinemas.

Máis de dez anos despois de As altas presións -a súa última longametraxe-, o cineasta presenta a que é a súa terceira película, rodada integramente nas Rías Baixas.

Así chegou a noite explora temas como as relacións de parella, a necesidade de romper os vínculos co pasado ou a tentación de desaparecer. Un drama intimista coa identidade como tema central que supón un novo paso de madurez na ficción galega de autor.

Protagonizada por Denís Gómez (Pablo) e Violeta Gil (Andrea), en Así chegou a noite, un escultor establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega.

Aos poucos irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares.

Cando unha antiga amante acuda ao seu encontro provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.

A película conta con Analía G. Alonso como produtora executiva e supón a primeira aposta de Maruxiña Filme Co., a produtora do cineasta, Alfonso Zarauza, en colaboración co propio Ángel Santos a través de Amateurfilms e de Daniel Froiz (Matriuska Producións).

Cineasta galego en activo desde 2002, Ángel Santos (Pontevedra, 1976) é licenciado en historia da arte e diplomado en dirección cinematográfica polo Centre d'Estudis Cinematogràfics de Catalunya.

É autor, entre outros, das curtametraxes Septiembre (2004), O cazador (2008) e Así vendrá la noche (2021) e das longametraxes Dos fragmentos/Eva (2012) e As altas presións (2014).

Como docente está implicado desde hai unha década no proxecto de educación nas aulas Cinema en Curs. É cofundador de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, do que foi director artístico durante as súas primeiras cinco edicións.

Desde a súa propia produtora, Amateurfilms, produce e impulsa proxectos propios ou de cineastas como Santos Díaz, Pablo García Canga ou Iván Castiñeiras.