Atlantic Fest presenta o vídeo da súa última edición marcada pola Covid e avanza na organización do próximo festival

O Salnés
30 de setembro 2020

Os organizadores do evento presentaron o audiovisual na Deputación de Pontevedra e aseguran que xa traballan na planificación da próxima edición tanto coa estrutura habitual como cun plan B por se persiste a pandemia

Presentación do Atlantic Sessions, vídeo promocional do Atlantic Fest 2020, na Deputación
Presentación do Atlantic Sessions, vídeo promocional do Atlantic Fest 2020, na Deputación /

O Atlantic Fest tivo que reinventarse para "este tempo de pandemia". O evento presentou este mércores o seu vídeo promocional dunha edición marcada pola crise sanitaria titulado Atlantic Sessiones que pon en valor o territorio, as persoas produtoras e a gastronomía do Salnés para lanzar unha mensaxe optimista e llefo de positividade.

"Atlantic Sessions é un documental que supón unha acción exclusiva da organización do Festival coa Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, para a promoción do territorio de Arousa. Está protagonizado polo grupo musical León Benavente, que no audiovisual coñece o produto local, máis concretamente as ameixas, a través das mariscadoras de Amarcarril e das mulleres do sector da restauración. Así mesmo promociona a Illa de Cortegada cunha visita e unha actuación xunto á Ermida da Virxe dos Milagres recollida no vídeo", explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante o acto de presentación.

O obxectivo do vídeo, confesou a directora do festival, Susana Laya, "é ver a través ver a través dos ollos da xente que nos visita como é a experiencia de visitar a cidade por primeira vez".

Sobre a edición do 2021, Laya engadiu que o equipo xa está a traballar tanto na estrutura habitual de concertos como nun plan B por se continúa sen resolverse a emerxencia sanitaria.

"Queremos emocionar a moita xente para que o ano que ven haxa un Atlantic Fest coma sempre ou senón con un plan B porque imos seguir na resistencia, no optimismo e nas gañas de seguir sendo referencia musical dun turismo sostible, atractivo, ligado ao territorio e a cultura”, insistiu Silva.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou o traballo dos organizadores, "máximos expoñentes do talento local e do sector cultural”, pola "reinvención do evento e o feito de non tirar a toalla".