Trece días de festival en 'pequenas doses', aposta do Atlantic Fest para 2021

O Salnés
10 de maio 2021

Dezaoito bandas actuarán na edición de 2021 durante trece días, do 12 ao 24 de xullo, segundo confirmaron os organizadores. Lori Meyers, Sidonie, La habitación roja, Zahara, Dorian ou os galegos Verto serán algúns dos artistas que, con aforo limitado, actuarán en catro escenarios diferentes

Concerto de Lori Meyers en El Náutico de San Vicente
Concerto de Lori Meyers en El Náutico de San Vicente / El Náutico

Non será co habitual evento multitudinario, pero o Atlantic Fest resístese a que a pandemia volva cancelar (outra vez) a súa cita anual co seu público. O festival estreará a súa nova localización en Vilagarcía cun ciclo de concertos repartidos en dúas semanas.

Así o anunciaron os seus organizadores este luns. Dezaoito bandas actuarán na edición de 2021 durante trece días, do 12 ao 24 de xullo, segundo confirmaron.

"Soñabamos cun 2021 de normalidade, pero vai tocar esperar un pouco máis para volver co Atlantic Fest ao que estabamos afeitos", sinalan a organización, que avanza que "deixaremos que a maxia volva, pero este ano aínda en pequenas doses".

Lori Meyers, Sidonie, La habitación roja, Zahara, Dorian ou os galegos Verto serán algúns dos artistas que actuarán nesta edición especial do Atlantic Fest, que contará con ata catro escenarios diferentes con aforos limitados.

O principal estará situado na entrada da praia da Concha, que concentrará o festival en 2022. Alí desenvolverase a programación do Vibra Mahou, con Zahara (xoves 15), Dorian (venres 16), León Benavente (sábado 17) e Sidonie + Lori Meyers (sábado 18).

Co apoio da Xunta de Galicia, o escenario Xacobeo 21-22 estará no auditorio de Vilagarcía, onde haberá actuacións cun aforo máis reducido.

Trátase de La habitación roja (martes 13), María José Llergo (mércores 14), Derbi Motoreta' s Burrito Cachimba (martes 20), Anni B Sweet (mércores 21) e Rufus T. Firefly (xoves 22).

A praza da Peixaría, pola súa banda, será o lugar onde estea o escenario Paco e Lola que, entre outros concertos, acollerá o de Verto (venres 23) cunha banda aínda por confirmar.

O piñeiral da praia da Concha será o cuarto escenario de concertos aínda que, por agora, non se especificou cales deles serán.

Con respecto ao cartel do Atlantic Fest 2021, tamén se anunciou os concertos de Ortiga (luns 12) e Chucho (luns 19) e avanzouse que haberá máis concertos, de artistas e bandas que non se anunciaron, para os días 17, 23 e 24 de xullo.