Avanzan os primeiros nomes da programación de 'Marín, Vila do Libro'

Marín
06 de maio 2025

Irene Rega, Juan Parcero, David Gago, Elena Gallego e Francisco Castro son algúns dos autores que participarán no festival literario da localidade

Francisco Castro, David Gago e Irene Rega
Francisco Castro, David Gago e Irene Rega / Concello de Marín

'Marín, Vila do Libro' terá lugar do 16 ao 18 de maio, coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

O acto de inauguración, o venres 16 de maio, contará coa actuación en directo de Gallos del Norte, que achegará a nota musical a unha xornada de apertura que promete reunir a amantes dos libros, a música e a cultura galega.

A agrupación presentará un espectáculo de creación espontánea de versos, con base na tradición da poesía e o canto oral, enmarcado ademais nun proxecto de inclusión e integración para persoas con discapacidade. 

Esta primeira edición contará cunha programación diversa e para todos os públicos, que incluirá mesas de diálogo entre novelas, recitais poéticos, obradoiros de oficios do libro e concertos, e na que xa están confirmadas as participacións de autores de referencia no panorama literario galego.

Entre os nomes destacados figuran Irene Rega, que participará na mesa de novela negra con 'Tecendo redes', e Elena Gallego coa súa obra 'Ata que a morte nos separe'.

Para abordar outros xéneros populares, haberá unha mesa de ciencia ficción que contará con Juan Parcero, con 'A soidade selénica', un título que afonda na introspección e a poética do cotián; e David Gago, quen falará sobre as súas obras de ciencia ficción 'Ertelion' e 'R.E.S.E.T.', dous títulos que conquistaron aos lectores máis novos.

Pola súa banda, Francisco Castro, escritor, editor e figura clave na difusión da literatura galega, será homenaxeado cun repaso á súa traxectoria profesional e literaria.

Asemade, dado que a iniciativa do festival é herdeira do exitoso proxecto catalá Villa del Llibre, tamén haberá espazo para abordar a relación entre Galicia e Cataluña cunha mesa redonda dedicada a Manuel Vázquez Montalbán e outra sobre as traducións ao catalán de poetas galegos de todos os tempos.

Entre a programación para a cativada, destaca un obradoiro de creación de arte inmediata, así como obradoiros de encadernación ou contacontos.

A concelleira de Cultura de Marín, Marián Sanmartín, destacou que este festival achega "novas experiencias de vivir a literatura".

Nos próximos días darase a coñecer a programación completa.

FESTAS DE SAN DIEGO

Marián Sanmartín, xunto ao concelleiro Pablo Novas, tamén presentou este martes as tradicionais Festas de San Diego que celebrarán os lugares do Pereiro e Cadrelo, en Santomé de Piñeiro, os días 10 e 11 de maio.

O sábado 10, a partir das 21:30 horas, dará comezo a festa cunha gran verbena, amenizada polas recoñecidas orquestras Los Player’s e Los Satélites, que garantirán unha noite chea de música, baile e bo ambiente.

O domingo 11, ás 13:00 horas, celebrarase a misa solemne en honra a San Diego, seguida da tradicional procesión polas rúas e dun concerto do grupo folclórico Airiños de San Xulián. Como peche, terá lugar unha animada sesión vermú e a despedida das festas.

O campo da festa contará cunha gran carpa, o que permitirá desenvolver todas as actividades con comodidade e sen depender do tempo.

Presentación das Festas de San Diego
Presentación das Festas de San Diego   Concello de Marín