Marín celebrará as Letras Galegas co festival 'Vila do Libro'

Marín
22 de marzo 2025
Actualizado: 9:05

Bautizado como 'Vila do libro', o festival literario celebrarase entre os días 16 e 18 de maio

Presentación de 'Marín Vila do Libro'
Presentación de 'Marín Vila do Libro' / Concello de Marín

A fin de semana das Letras Galegas, entre os días 16 e 18 de maio, Marín converterase en 'Vila do Libro'.

Trátase dun festival literario que transformará os espazos emblemáticos do municipio en librarías temporais, pero tamén en centros de actividade cultural ao redor da literatura.

Farao cunha ampla programación que incluirá encontros con autores, mesas redondas, recitais de poesía, música e arte, avanza o Concello de Marín.

Serán actividades deseñadas para todos os públicos.

O festival 'Vila do Libro' foi presentado pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.

A medida que se achegue a data, sinala o Concello, publicarase oficialmente o programa completo, aínda que avanzan que gardará un espazo para a homenaxe das cantareiras e a poesía popular, protagonistas das Letras Galegas 2025.

O proxecto buscará a implicación do tecido cultural e asociativo do municipio, fomentando a colaboración con editoriais, centros educativos ou agrupacións sociais.

Na presentación deuse a coñecer ademais o logotipo do festival, que aspira a converterse na imaxe sobre a que se engloben todos os actoas de promoción e dinamización literaria de Marín.