Balance "moi satisfactorio" no ecuador do Culturgal

Pontevedra
29 de novembro 2025

Ao redor de 2.000 persoas pasaran xa pola Feira das Culturas Galegas ao mediodía deste sábado. "A xente está respondendo á oferta de Culturgal", asegura o seu director

Xornada de sábado no Culturgal 2025
Xornada de sábado no Culturgal 2025 / Cristina Saiz

O Recinto Feiral de Pontevedra é todo un fervedoiro de actividade durante a fin de semana coa Feira das Culturas Galegas, Culturgal.

Tamén o é de asistencia, e é que no ecuador da feira o balance é xa "moi satisfactorio", asegura o seu director, Camilo Franco.

"A xente está respondendo á oferta de Culturgal", afirma tras confirmar que ao mediodía deste sábado eran xa 2.000 as persoas que pasaran polo evento que reúne a representantes da cultura galega.

Todo iso á espera da alta asistencia que se esperaba para a tarde do sábado e tamén para a mañá do domingo, tradicionalmente os momentos cunha maior asistencia de público.

A oferta de Culturgal anima desde logo a iso.

Entre os eventos destacados deste sábado a programación propuña un adianto da nova obra de Chévere, diversa programación infantil, o regreso á música adulta de Magín Blanco, clubs de lectura, ao escritor Suso de Toro ou o espectáculo Moito Conto, con Touriñán.

En total durante os tres días de Culturgal expóñense preto de 225 actividades con máis dun centenar de expositores.

Todo un espacaparate para o talento galego e un adianto ao que proporá a tempada cultural durante o ano 2026.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora