Bambú Producciones comezará esta semana a gravación en Pontevedra da serie para Amazon 'Un asunto privado'

Pontevedra
20 de outubro 2020

Eva Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá e responsable da ocupación de vía pública,  reuniuse esta mañá con representantes da produtora para estudar as necesidades da rodaxe. Se as condicións meteorolóxicas acompañan, a gravación comezará o xoves ou o venres no Paseo de Montero Ríos

Rodaxe en Pontevedra de 'La sombra de la ley', en Montero Ríos
Rodaxe en Pontevedra de 'La sombra de la ley', en Montero Ríos / Cristina Saiz

A falta de que o tempo mellore, todo parece estar preparado para que Pontevedra acolla a gravación de 'Un asunto privado', a serie de Amazon Prime, que realizará a empresa Bambú Producciones.

Este martes, Eva  Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá e responsable da ocupación do espazo público, mantivo un encontro con representantes da produtora para analizar as necesidades para esta rodaxe.

Desde Bambú indicaron ao Concello a intención de iniciar os traballos o xoves ou o venres desta semana no Paseo de Montero Ríos. Está previsto que en Pontevedra realicen o primeiro bloque de gravación ata o próximo 4 de novembro, salvo que a choiva obrigue a modificar as datas As gravacións tamén se realizarán en Gutiérrez Mellado, Michelena, Montero Ríos, Praza da Leña, rúa do Barón, Café Moderno, Soportais, Pedreira e Manuel Quiroga.

A serie contará con oito episodios dirixidos por María Ripoll e David Pinillos, seguindo un guión creado por Ramón Campos, Gema R. Neira e a pontevedresa Teresa Fernández-Valdés. A actriz Aura Garrido ('El ministerio del tiempo') e o coñecido actor francés Jean Reno ('Leon') encabezan a repartición desta tempada, que será vista en 240 países de todo o mundo. 

Desde o Concello ofreceuse toda a colaboración para garantir as medidas de seguridade e loxística en relación á entrada e estacionamento de camións de gran tonelaxe, instalación de carpas, cableado para conexións eléctricas. Para estes traballos colaborará a Film Commission, Policía Local, Protección Cidadá, Departamento de ocupación de espazos públicos, servizos técnicos, de auga e de dinamización cultural.