Berta Lima inaugura "Ecos del Tiempo" no Liceo Casino apoiando a Aldeas Infantís

Pontevedra
01 de outubro 2025

A exposición combina pintura e literatura inspirada en dous libros da artista, destinando o 10% das vendas a poboación infantil en situación de vulnerabilidade

Berta Lima amosa unha das súas obras pictóricas
Berta Lima amosa unha das súas obras pictóricas / Berta Lima Milla

O Liceo Casino de Pontevedra será o escenario o vindeiro sábado 4 de outubro, ás 19:00 horas, da inauguración de "Ecos del Tiempo", unha exposición que fusiona arte, memoria e solidariedade da man da artista Berta Lima.

A mostra presenta unha colección de obras pictóricas que dialogan directamente con dúas publicacións da propia artista: "Recuerdos", concibido como legado familiar para os seus netos, e "Milagros", creado en homenaxe a súa nai.

Estes universos literarios e íntimos trasládanse ao lenzo, convidando os visitantes a mergullarse nun percorrido pola memoria persoal e os vínculos afectivos.

A dimensión solidaria constitúe un dos alicerces fundamentais desta proposta cultural.

Lima decidiu doar o 10% dos ingresos obtidos pola venda dos seus cadros a Aldeas Infantís, organización coa que mantén unha colaboración en Redondela e que se dedica a proporcionar fogar, educación e oportunidades a menores en situación de vulnerabilidade.

"Para min, a arte é ponte e é futuro. Poder unilo cun proxecto que axuda aos máis pequenos emocióname profundamente", declara a artista sobre esta iniciativa.

O acto inaugural contará coa presenza de Berta Lima e dirixirase tanto aos socios do Liceo Casino como ao público xeral interesado en participar desta experiencia cultural.

A organización solicita confirmación previa de asistencia a través do correo [email protected] para garantir unha axeitada organización do aforamento e do servizo de catering.