Tras dez anos de percorrido e dous de pandemia, o festival Galegote Rock volve a traer ás salas, bares e prazas da cidade a música galega en diversos estilos a finais do mes de abril. Alberto Oubiña, o concelleiro de Xuventude, presentou a nova edición este venres 8 no Concello, definíndoa como un "espazo onde apostar pola música de calidade" en galego.
O regreso dos concertos sen cadeiras e en interiores preséntase a través dun anuncio realizado polo artista Gero Costas. O vídeo, gravado nun bar, mostra a personaxes variados como Paqe, Ortiga e mesmo os propios fillos dos organizadores, cantando cancións galegas coñecidas baixo o lema "A nosa música, mellor en galego".
Oubiña pretende recuperar o "espírito Xabarín" mediante o fomento de composicións na nosa lingua entre as novas xeracións. Ademais, sinala que esta actividade é a "previa perfecta" para o mes das Letras Galegas.
Durante os tres últimos días de abril, espazos como O Grifón, Sala Karma ou O campiño de Santa María serán escenario das bandas seleccionadas para representar os xéneros galegos. Marcos Rivas, o programador da actividade, busca recordar que os bares son "gastro, bebida, diversión e sobre todo música".
O xoves 28 abrirán a programación High Paw e Copa Turbo; o venres 29 continúan Os Silvestres e Ruxe Ruxe; e, por último, o sábado 30, dividido en dúas sesións de mañá e tarde, presentaranse Moucho, Eladio y los seres queridos, Kris K DJ, Xeración Sónica, Zeltia Irevire, Grampoder, Berto e Carlos Crespo DJ.
Rivas recordou a primeira edición do Galegote Rock en 2012, na que actuou unha novel Terbutalina, banda que na actualidade esgota as entradas nos seus concertos. No cartel deste ano, creado polo deseñador Diego de la Iglesia de Guillotina Estudio, o programador resaltou a combinación de artistas novos como High Paw e Copa Turbo xunto a bandas experimentadas como Ruxe Ruxe para ofrecer e dar a coñecer unha pluradidade de opcións ao público.