A biblioteca de Soutomaior recibe por cuarto ano consecutivo o Premio María Moliner

Soutomaior
16 de novembro 2024

Trátase dun concurso do Ministerio de Cultura que premia proxectos de animación á lectura en municipios de menos de 50.000 habitantes que teñen unha biblioteca pública con persoal ao seu cargo

Actividade na Biblioteca Luís Seoane de Soutomaior
Actividade na Biblioteca Luís Seoane de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Por cuarto ano consecutivo o Ministerio de Cultura recoñeceu o traballo que se realiza na Biblioteca Luís Seoane de Soutomaior.

Fíxoo outorgándolle un premio no concurso 'María Moliner'.

Trátase dun certame que premia proxectos de animación á lectura en municipios de menos de 50.000 habitantes que teñen unha biblioteca pública con persoal ao seu cargo.

A finalidade deste premio é incentivar as accións de animación á lectura dirixidas a todos os veciños e veciñas, con especial atención aos colectivos con dificultades para o acceso á lectura. Consiste na entrega dun máximo de 370 premios, por un importe individual de 2.777,77 euros que deberán destinarse integramente á biblioteca municipal de cada localidade.

Ademais de Soutomaior, na provincia de Pontevedra os concellos de Tui, Moraña e Pazos de Borbén tamén alcanzaron este mesmo premio.

Os cartos recibidos permiten que a biblioteca faga crecer a súa colección bibliográfica e ofreza un mellor servizo de acceso ás persoas usuarias.

No caso da Biblioteca de Soutomaior, ao cumprir coas condicións para acceder tamén ás subvencións do goberno galego, recibiu este ano máis de 6.000 euros en premios e subvencións para ampliar e mellorar a súa colección aos que hai que engadir, por vez primeira, unha achega de 2.000 euros de fondos propios do concello.

Estes fondos foron destinados, sinala o goberno local, non só á compra de libros de literatura actualizados senón tamén para comprar xogos de mesa, que se poden levar en préstamo desde o pasado 24 de outubro.

"Agora mesmo contamos con máis de 35.000 volumes, ademais doutros fondos bibliotecarios como películas, revistas, xogos de mesa ou Cds. E o número de préstamos increméntase ano a ano, de tal maneira que chegaremos os case 10.000 préstamos neste 2024", apunta a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas.