La Bien Querida e Anxo Araújo, conexión e emoción para pechar 'Os Xoves de Códax' 2025

O Salnés
15 de agosto 2025

Esta última cita destinou a súa recadación íntegra ao proxecto DisCamino, unha iniciativa que promove a accesibilidade no Camiño de Santiago para persoas con discapacidade

Actuación de La Bien Querida e Anxo Araújo en Os Xoves de Códax Bodegas Martín Códax

La Bien Querida e Anxo Araújo foron este xoves 14 de agosto os encargados de poñer o broche de ouro á nova edición de Os Xoves de Códax, na terraza de Bodegas Martín Códax en Cambados.

Os dous artistas de Bilbao e Pontevedra compartiron escenario e unha velada íntima e profundamente emocional na que deron mostras de grande conexión entre eles

Ana Fernández-Villaverde, La Bien Querida, foi a primeira en inundar de indie a terraza e, ao tempo que se ía poñendo o sol, logrou conquistar o público coa súa sensibilidade. 

Despois dunha actuación en solitario, compartiu escenario con Anxo Araújo e tamén os dous remataron xuntos a última canción desta XII edición de Os Xoves de Códax.

Actuación de La Bien Querida en Os Xoves de CódaxBodegas Martín Códax

Xusto antes, o artista pontevedrés ofreceu un directo envolvente no que logrou a implicación dos espectadores con palmas e coros. A electrónica e a raíz galega foron da man.

Esta última cita de Os Xoves de Códax destinou a súa recadación íntegra ao proxecto DisCamino, unha iniciativa que promove a accesibilidade no Camiño de Santiago para persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual.

A través de bicicletas adaptadas, voluntarios e un modelo baseado na inclusión e o respecto, DisCamino fai posible que todas as persoas poidan vivir a experiencia transformadora de percorrer o Camiño.

A axuda recadada permitirá financiar novas rutas, equipamento técnico e apoio loxístico para as expedicións.

Desde a adega sinalan que "o ciclo remata, pero o seu impacto continúa. Cada entrada é unha semente de cambio. Esta última noite foi un exemplo perfecto do que queremos ofrecer: emoción, calidade artística e solidariedade".

Actuación de Anxo Araújo en Os Xoves de CódaxBodegas Martín Códax