Música e solidariedade con Depedro e Eladio y los seres queridos para iniciar 'Os Xoves de Códax'

O Salnés
18 de xullo 2025

O ciclo solidario 'Os Xoves de Códax' arrancou cun cheo absoluto nunha noite marcada pola emoción e o compromiso social. A recadación irá para a asociación Acougo

Depedro e Eladio y los seres queridos en 'Os Xoves de Códax'
Depedro e Eladio y los seres queridos en 'Os Xoves de Códax' / Bodegas Martín Códax

A terraza de Bodegas Martín Códax acolleu os concertos de Depedro e Eladio y los Seres Queridos, que ofreceron ao público unha velada íntima, cálida e chea de honestidade musical. Foi a primeira cita do ciclo solidario 'Os Xoves de Códax'.

Depedro, proxecto musical do madrileño Jairo Zabala, ofreceu un concerto no que combinou ritmos mediterráneos, latinoamericanos e africanos, cun repertorio cheo de mensaxes de identidade, memoria e emoción e conectando co público dende a honestidade e o sentimento.

Pola súa banda, Eladio y los Seres Queridos celebraron vinte anos de traxectoria cun directo elegante, introspectivo e cargado de lirismo. A banda viguesa presentou temas do seu novo disco B.S.O. (2005–2025), repasando dúas décadas de son e palabra.

A recadación íntegra da xornada foi destinada á asociación Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida, que ofrece acompañamento a familias acolledoras, formación, asesoramento profesional e campañas de sensibilización social.

A súa misión é xerar unha auténtica cultura de acollemento familiar en Galicia, co obxectivo de que todos os nenos, nenas e adolescentes que non poden criarse coa súa familia de orixe poidan exercer o seu dereito a medrar nun entorno familiar, mantendo tamén o vínculo coas súas orixes.

Grazas a esta colaboración, a entidade poderá reforzar os seus programas de apoio e visibilizar unha realidade que afecta a centos de nenos e nenas na comunidade galega.

'Os Xoves de Códax' celebra este ano a súa décimo segunda edición, consolidándose como unha proposta cultural única que combina música en directo, viño e solidariedade nun espazo tan especial como a terraza da adega Martín Códax, con vistas á ría de Arousa.

Desde a súa creación, o ciclo apostou por vincular cada concerto cun proxecto social diferente, colaborando xa con máis de 40 entidades e recadando máis de 270.000 euros para estas causas.