A Bienal de Arte Pontevedra presentarase na feira Arco en Madrid o venres 7 de marzo

Pontevedra
01 de marzo 2025
Actualizado: 26 de maio

Rafa Domínguez será o encargado de realizar a presentación, que incluirá unha conversa entre a artista Marta Pazos; Antón Castro, comisario xeral; e Iñaki Martínez, comisario de artes vivas

Presentación da campaña da Bienal 2025
Presentación da campaña da Bienal 2025 / Mónica Patxot

A Bienal de Arte de Pontevedra vai estar presente en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea de España. Alí presentarase a 32 edición da cita pontevedresa, que este ano se recupera. 

Será o venres 7 de marzo na sala AVWL do Pavillón 9 de Ifema, nun acto no que o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, exporá o proxecto de recuperación, despois de quince anos de ausencia, da bienal de arte máis antiga de España.

A presentación completarase cunha conversa entre a artista pontevedresa Marta Pazos, unha das figuras máis destacadas das artes escénicas contemporáneas; Antón Castro, comisario xeral da Bienal de Pontevedra; e Iñaki Martínez Antelo, comisario responsable do programa de artes vivas. 

Na presentación tamén participará o Concello de Pontevedra a través do seu concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez

O accto busca dar a coñecer a Bienal entre o público especializado, formado por galerías de arte, coleccionistas, artistas, institucións e outros profesionais vinculados á arte contemporánea.

O vicepresidente e o equipo curatorial da Bienal aproveitarán tamén a visita a ARCO para achegarse a obras expostas na feira internacional de artistas que estarán presentes na cita de Pontevedra.

A 32 edición da Bienal de Pontevedra celebrarase do 21 de xuño ao 30 de setembro baixo o título 'Volver a ser humanos… ante a dor dos demais'. 

Afondará en temas como a guerra e a paz, as migracións e exilios, a imaxinación e a escuridade e a espiritualidade e a utopía, analizando o impacto de conflitos actuais en Ucraína, Gaza, Líbano e outros menos coñecidos en lugares como Sudán, Malí ou Nixeria, e reflexionando sobre a importancia de conectar coa dor allea e a profundar na empatía e en nosa propia humanidade a través da arte.

O epicentro da Bienal será o Museo de Pontevedra, estendéndose tamén por toda a cidade e chegando a outras localidades da provincia como Vigo, Ponteareas, Sanxenxo ou O Grove.

Concentrará a máis de sesenta artistas internacionais e ata o de agora están xa confirmados a palestina Raida Adon, o francés Patrice Warrener, os españois Marina Núñez, Gervasio Sánchez e Francesc Torres, o israelí Miki Krstman, o portugués Manuel Casimiro e a greco-exipcia Fradia El-Gazzar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en