Un dos tres festivais de música que se celebran na cidade de Pontevedra coouse entre os finalistas dos Iberian Music Awards, galardóns que recoñecen desde hai unha década aos mellores festivais que se celebran en España e Portugal.
Trátase do máis novo deles, o Bigsound Pontevedra, que con só unha edición ás súas costas -e a segunda xa en camiño-, optará ao premio ao mellor festival novo. É un dos oito finalistas que hai nesta categoría.
Xunto a el, hai outro seis españois, o Festival Jaleo! (Santiago), o Fumega Fest (Betanzos), o Oasis Music Fest (Elxe), Nudo Sur (Cabo de Gata), Radio Pati (Barcelona) e Sol de Plata (Benalmádena). A terna a completa o Atlantic Sunsets da cidade portuguesa de Cascais.
Será o voto do público o que decida ao gañador.
A de mellor festival novo non é a única categoría na que logrou entrar o Bigsound Pontevedra, que acumula outra opción de premio. Así, nestes Iberian Music Awards é finalista tamén como mellor aloxamento e recepción do público.
Pero o de Pontevedra non é o único festival das Rías Baixas que está entre os finalistas a estes galardóns, que se entregarán o próximo 14 de marzo en Ponta Delgada (illas Azores).
O SonRías Baixas de Bueu é candidato a seis premios, os de promoción turística, aloxamento e recepción do público, contribución á sustentabilidade, fotografía de festival (Javier Bragado), cobertura en vídeo (Trece Amarillo) e provedor de servizos (Idasfest).
Pola súa banda, o Sinsal SON Estrella Galicia opta a catro, entre eles os de promoción turística, programación cultural, contribución á igualdade e recinto (illa de San Simón).
E o Revenidas, que se celebra en Vilaxoán, tamén é finalista en catro categorías, programación cultural, aloxamento e recepción do público e cobertura en vídeo (Xoán Tourís).
A todos eles súmase a Festa do Marisco do Grove, que logrou situarse entre os candidatos a mellor festa. Os seu sete rivais serán todos portugueses, entre eles os entroidos de Loulé e Torres Vedras, a Noite Branca do Algarve ou a Feira de Sao Mateus.