Bueu, o oráculo dos premios Oscar

Bueu
19 de xaneiro 2015

O filme gañador do Fic de Bueu, nominado aos Oscar. 'La lampe au beurre de Yak' é unha das finalistas a mellor curta canda 'Parvaneh', favorita do público nunha das xornadas

O productor de 'La lampe au beurre de Yak' recolle o premio no Ficbueu 2014
O productor de 'La lampe au beurre de Yak' recolle o premio no Ficbueu 2014 /

O filme gañador da sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, 'La lampe au beurre de Yak', está nominado aos Premios Oscar 2015 na categoría de mellor curta. O produtor da cinta francesa achegábase á vila no pasado mes de setembro para recoller o galardón, dotado con 2.000 euros, de mans do alcalde, Félix Juncal.

Julien Féret facía referencia no seu discurso de agradecemento á ⿿maxia do cine⿝, que fai parecer sinxelos na pantalla tres anos de traballo non exentos de dificultades para acabar rodando en China con protagonistas do Tíbet. En 'A lámpada de manteiga de Yak', dirixida por Hu Wei, un fotógrafo ambulante e o seu axudante propoñen aos nómades tibetanos que posen para seren retratados ante distintos fondos exóticos.

A produción suíza 'Parvaneh', que tamén concorreu ao FICBUEU 2014, é outra das finalistas dos Oscar. O filme de Talkhon Hamzavi foi o favorito dos asistentes nunha das xornadas de proxeccións no Centro Social do Mar, pero finalmente non se fixo co premio do público. A historia está protagonzada por unha moza afgá que busca axuda en Zürich para enviarlle diñeiro ao seu pai enfermo.

'Aya', 'Boogaloo and Graham' e 'The Phone Call' son os outros títulos nominados a mellor curtametraxe na 87ª edición dos Premios da Academia. O gañador darase a coñecer na gala do 22 de febreiro.