Buscan "solvencia e experiencia" para a dirección do Museo de Pontevedra

Pontevedra
29 de xaneiro 2019

A bases para optar ao posto de dirección do Museo publicaranse este mércores 30 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), abrindo un prazo de 30 días para a presentación de candidaturas

César Mosquera e Xosé Leal
César Mosquera e Xosé Leal / PontevedraViva

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicará este mércores 30 de xaneiro as bases da convocatoria para optar ao posto de director ou directora do Museo de Pontevedra, tras a xubilación de Carlos Valle.

Trátase dun proceso "ambicioso", cualificou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no que "pretendemos que as persoas que se presenten vaian ao máximo, que veñan xa con experiencia demostrada".

Mosquera e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, explicaron as bases dunha convocatoria coa que pretenden revitalizar a institución museística ante os retos que veñen nos próximos anos, como a renovación e reapertura dos edificios pechados na actualidade.

Os e as aspirantes contan cun prazo de 30 días para presentarse debendo elaborar un proxecto cos seus plans para o Museo, valorándose aspectos como a traxectoria investigadora, a experiencia previa ou o uso das novas tecnoloxías.

Para optar ao posto será necesario contar coa condición de funcionario ou laboral fixo do grupo A1 e posuír o título de licenciatura ou grao en Historia da Arte, Belas Artes ou similares dentro do ámbito das humanidades.

"Creo que o Museo de Pontevedera é un caramelo para moita xente da cultura", sinalou Xosé Leal, confiando en que se presenten un importante número de candidaturas.

Ademais, para tentar fortalecer o funcionamento da institución, o novo director do museo ocuparase fundamentalmente "da parte artística", deixando o labor administrativo en mans dunha nova xefatura que vai ser asumida por unha funcionaria provincial "de solvencia contrastada", Sonia Mateos.

A elección da persoa que dirixirá o Museo de Pontevedra realizarase a través dun órgano técnico de valoración "conformado por funcionarios de Cultura, Persoal e Secretaría", explicou Leal.