'Bye bye, honey', un musical "duro, acedo e descarnado" que chega a Pontevedra dentro do ciclo Ponteatro

Pontevedra
09 de decembro 2014

Bye bye, honey, unha montaxe da compañía Obras Públicas, gañadora de dous premios María Casares, representarase no Teatro Principal de Pontevedra este xoves 11 de decembro, a partir das 21.00 horas

Anxos Riveiro e César Goldi, nun dos protagonistas de "Bye bye, honey"
Anxos Riveiro e César Goldi, nun dos protagonistas de "Bye bye, honey" / Mónica Patxot

Ponteatro entra na súa recta final. Dúas últimas funcións que poñerán o broche de ouro, durante este mes de decembro, a este ciclo de teatro que organiza o Concello de Pontevedra. A primeira delas é Bye bye, honey, unha montaxe da compañía Obras Públicas, gañadora de dous premios María Casares. Representarase no Teatro Principal de Pontevedra este xoves 11 de decembro, a partir das 21.00 horas.

Bye bye, honey, segundo destacou na súa presentación un dos seus protagonistas, o actor César Goldi, é un espectáculo "duro, acedo e descarnado". Unha obra "proletaria" que é un "agasallo" para os seus actores porque "permite lucirnos", xa que nela cantan, bailan e mostran as súas dotes para a comedia e o melodrama. Trátase dunha obra de marcado carácter musical e as súas cancións, compostas por Carlos Mosquera, son interpretadas en directo.

Esta historia, marcada polas vivencias persoais do seu creador, José Prieto, trasládanos aos barrios marxinais de Ferrolterra. A súa protagonista é Marta (Iolanda Muíños), unha rapaza procedente dunha familia desestruturada, cun pai alcohólico e un irmán 'ionqui' que decide irse de casa e se busca a vida como pode en bares de estrada. A súa aspiración é converterse en cantante de orquestra e emprenderá un incerto camiño para conseguilo.

César Goldi defendeu este espectáculo de certas críticas recibida sobre a súa crueza visual e verbal. Asegura que pola temática que trata a linguaxe é moi explícita, pero iso non impediu que o público a haxa gozado alí onde se representou ata agora, entre elas, Narón, O Barco, Teo, Vilagarcía de Arousa e Monforte, que como Pontevedra son "concellos maduros que son conscientes de que o público vai moi por diante de certos intermediarios culturais".

O actor sinalou que a obra está a gustar ao público porque os actores "tamén nos liberamos" cos seus personaxes, adaptándose ao espírito do texto orixinal. "O máis bonito do teatro é que todo pasa á mesma temperatura que o público e conseguimos crear un espectáculo que aporta unha experiencia teatral completa", reiterou.

As entradas para asistir á representación de Bye bye, honey pódense adquirir a través de www.servinova.com.